A burla das obras

| JOSÉ MIGUEL LÓPEZ |

LUGO

DESDE EL ADARVE

16 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

SON AS OITO da mañá. Espértome supetamente, como se estalase unha potente bomba ó meu carón. Tremo. Miro pola fiestra pero na rúa non hai unha alma, agás os obreiros que executan as obras na ronda da muralla. As beirarrúas e a calzada están destrozadas, pero os operarios aínda atopan máis recunchos que romper. O piso vibra. Vai escachar. Non aturo máis, teño que saír da casa. Sorpresa. As palas e camións obstrúen a porta principal do edificio. Logro superar o obstáculo con dificultade, pisando sobre unha superficie inestable, no que é elevado o risco de romperme algo. Volvo ó mediodía para xantar e repítense as incomodidades. As obras non avanzan. Uns obreiros miran para outros. Cabe preguntarse se era tan urxente empezar a picar o chan a primeira hora da mañá. E logo córtannos a auga sen previo aviso. Coma min, os veciños están fartos de tanta burla. Un pouco de respecto.