«No val de Ellas co que máis se identifican é co galego»

La Voz B.?L. | LUGO

LUGO

VANESA ABELAIRAS

A fala que se conserva nunha comarca de Cáceres foi analizada nun acto no que participou este estudioso desa variante lingüística

29 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O profesor da Universidade de Vigo Henrique Costas participou onte no Uxío Novoneyra nunha táboa redonda sobre O galego portugués do val de Ellas , organizada pola asociación Alto Minho, na que foi analizada a situación da lingua que se fala en tres concellos do norte de Cáceres, próximos á serra de Gata. «Aínda que non é a nosa lingua, no val do Ellas co que máis se identifican é co galego», afirma este profesor de Filoloxía, autor de varios libros e un bo coñecedor da situación naquela comarca. -¿Desde cando se fala esa variante lingüística nos concellos de Valverde do Fresno, Ellas e San Martiño de Trebello? -Fundamentalmente a finais do XII e tamén no XIII, esas zonas foron reconquistadas ós moros e repoboadas con colonos de concellos limítrofes de Ourense, Zamora e León. Desde entón conservan unha variante do antigo galego-portugués, que pouco a pouco foi quedando reducido ó val do río Ellas. -¿O galego distanciouse moito? -A «fala», como lle chaman en Estremadura, non é o noso galego, pero cando chega alí unha persoa de Galicia saben que non fala portugués. Ademais, eles identifícanse moito con nós. Na emigración moitos acollíanse ás casas de Galicia, e os mozos na mili facíanse pasar por galegos nalgúns casos. -¿Teñen axudas para conservar a «fala». -Ten un recoñecemento de ben de interese cultural, pero tampouco lle chaman galego. O curso pasado incluírono como actividade extraescolar e obtivo un éxito tan grande que as autoridades asustáronse e este ano xa non programaron cursos. -¿A xente nova tamén o segue falando? -Fálano practicamente as 5.000 persoas que viven nese val. Pero os cambios sociais están limitando o léxico, como pasa coas outras linguas. Tamén o Goberno de Rodríguez Ibarra, que é un xacobino insufrible, ten moitos prexuízos e asocia todo ó nacionalismo. Cando eu ía por alí a estudiala, dixeron que estaba pagado por Fraga.