As mobilizacións son útiles

FROILÁN PALLÍN

LUGO

TRIBUNA | O |

03 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

AS MASIVAS mobilizacións (o decretazo, Nunca Máis e as do Non á Guerra), que ultimamente se veñen celebrando de forma pacífica en Lugo acaban de ter a primeira gran repercusión política. Non doutra forma pode entenderse a postura adoptada polo PP na Deputación no prazo dun mes. Vén de mudar a súa postura no seu posicionamento diante da invasión de Iraq. Pero de inmediato exponse un dilema, ¿todos os seus aleccionados teñen que pasar a defender o non á guerra, ou simplemente asumir de novo o ridículo?, salvo que na Deputación vaian por libre e non sexa a postura oficial do PP. Algo terán que dicir os xefes políticos do señor Cacharro. Os lugueses vimos de dar un paso adiante, non soportamos máis a submisión e seguir interiorizando que non podemos alzar a voz e aquí hai que incluír un bo número de votantes do PP. Tomamos a decisión de ser cidadáns con tódolos dereitos e sen medo a exercelos. Unha multitude de cidadáns decidimos caer do armario da resignación, do «non hai nada que facer». A sensibilidade ante a traxedia humana é enorme e dende o Goberno, e sobre todo por parte de Aznar e Fraga, non paran de darnos argumentos.