| O |
28 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.O SINDICATO de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia pediu ó Defensor do Pobo que induza recurso de inconstitucionalidade contra la Lei Orgánica de Calidade do Ensino (LOCE), por dous motivos. Por un lado, non existiu negociación algunha cos sindicatos representativos do profesorado, nin antes -o anteproxecto non pasou pola mesa sectorial de Educación-, nin durante a súa tramitación parlamentaria. Polo tanto, produciuse unha vulneración do artigo 28.1 da Constitución, que se refire ao dereito fundamental de liberdade sindical. A LOCE, no artigo 72.3, que regula a admisión do alumnado nos centros públicos, di que «en ningún caso haberá discriminación na admisión de alumnos por razóns ideolóxicas, relixiosas, morais, sociais, de raza ou nacemento», o que vulnera gravemente o artigo 14 da Constitución, que di: «Os españois son iguais ante a lei, sen que poda prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social». O STEG tamén solicitou do Defensor do Pobo que tramite unha queixa contra o MECD.