Este rexedor destaca a importancia de manter servicios mancomunados naqueles concellos que non reciben moitas axudas nin investimentos dos gobernos
22 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.?osé Luis Raposo Magdalena non reúne as características que conforman o perfil de rexedor na provincia de Lugo: é socialista, moi crítico coa Administración e leva dezasete anos capitaneando unha alcaldía gobernada por un partido que non é o PP. Aínda que ocupa actualmente o cargo de deputado provincial polo PSOE e desde hai menos dun mes o de presidente da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, Raposo prefire o traballo diario no consistorio. -Sendo deputado nunca me sentín a gusto. Aí non se pode facer nada. Na alcaldía, compénsache a moral o ver cousas feitas, aínda que nos enfrontamos cun problema moi gordo na zona rural, o da despoboación. Vas a algún núcleo no que custou oito millóns meter a reelectrificación, con fondos propios, e hoxe hai catro ou cinco persoas vivindo. -¿Como funciona o Concello? -No inverno reunímonos tódolos traballadores ás nove da mañá no parque de maquinaria. É onde se xunta toda a xente para ir traballar. Neses momentos dáche a sensación de que hai moitos veciños gañando un soldo que é complemento doutros ingresos. Pouco a pouco foise montando unha estructura de funcionamento, pero mira, Pedrafita é un municipio que viviu por encima das súas posibilidades cando estaba a empresa mineira, acostumámonos a gañar un salario moi alto. Despois diso, creamos o sistema de facer as obras por administración e chegamos nun momento no Concello a ter 60 traballadores no verán. Eu teño unha xente excelente, nunca pago unha hora extra a ninguén e a xente traballa con moitas gañas. O Concello non me deu sufocos, só algunhas decisións que se tomaron fóra. Teño xente fabulosa e veciños fabulosos. Mire, puxemos o alumeado público en tódalas parroquias hai 12 anos. Ó primeiro cortabamolo durante unhas horas mentres non se meteu a reducción de consumo e, agora, podémolo ter acceso toda a noite. Chéganse a preocupar máis polo gasto os veciños có propio Concello. Á xente haille que explicar cando se poden ou non facer unha ou outra obra. -¿Quen o achegou ó mundo da política? -O tenente de alcalde é meu pai político. Presenteime ás eleccións con vinte anos e ninguén me coñecía. Eu teño claro que non ía gañar as eleccións se me presento só. Este señor, Manuel Villasol, está comigo desde aquela. Está en disposición de facer algúns traballos mellor ca mín. -¿Está satisfeito coa mancomunidade creada na montaña? -O Concello de Pedrafita ten máis maquinaria co do Courel e co de Triacastela. Nós prestámoslles maquinaria e eles devólvennos os servicios con man de obra e maquinaria deles. Fixemos unha reparación conxunta de estradas e funcionou á perfección. Tódolos días que falo cos alcaldes están encantados e creo que imos seguir funcionado. -¿É unha idea exportable? -O problema diso é que ten que ser sempre un traballo feito por administración, aínda que tés que dispor de determinados técnicos. En Pedrafita levamos 14 anos neste tema e ben. Compramos a primeira máquina cun crédito e metémonos a abrir camiños. Foi o mellor labor daquela e, aínda hoxe, seguimos limpando nós a neve. Os alcaldes das mancomunidades teñen que ter moita flexibilidade. No noso caso chegamos a mancomunarnos pola pura necesidade de que non temos apoio de ninguén. Veste que tés 103 quilómetros cadrados de estrada. Chegaremos a mancomunar algo máis, por exemplo, un electricista. -Este servicio, ¿permitiría crear macroconcellos? -Un macroconcello é imposible porque cada vez o cidadán necesita máis das administracións. Cuiña vía a súa propia tumba e chamounos a tódolos alcaldes cando foi o asunto da Lei do Solo. Cando se puña nervoso, botaba man dos alcaldes, que éramos o seu escaparate ante o resto das administracións. -¿Que futuro lle espera a Pedrafita? -Mire, eu non cheguei á universidade, pero creo que Pedrafita e toda a zona rural en xeral non estivo, nin está representada nas administracións. Na época do goberno tripartito articulouse a zona rural e houbo unha mellora de infraestructuras. Logo estancouse. O futuro pasa porque se rebaixe a cotización dos negocios da montaña, con respecto ós das cidades. Outra opción é a de potenciar o turismo rural, pero tendo en conta que o negocio nesta zona é de fin de semana e a cotización empresarial debería ser acorde cos días de productividade. Coincido coas dúas economistas e cunha bióloga que temos no Concello, que me animan para que gaste en excursións que permitan ver outros lugares e as posibilidades de futuro. «O plan Leader aquí non funcionou. Son unha persoa que creo que debería haber menos subvencións, pero de forma máis controlada e con máis incentivos fiscais para a xente»«Protestamos polos certificados gandeiros, que era algo que afectaba a toda Galicia. Pero xa se sabe, cando un rifa, non reza »«Eu presentei un proxecto hai dous anos para facer un novo trazado de auga no Cebreiro, ofrecimos facer esas obras por administración, pero esa iniciativa estancouse» «O tenente de alcalde é meu pai político. Presenteime ás eleccións con vinte anos e ninguén me coñecía. Tiña claro que só non ía gañar os comicios» «O futuro da zona rural pasa porque se rebaixe a cotización dos negocios da montaña con respecto ós das cidades. Outra opción é potenciar o turismo»