«A xente necesita ter mitos»

S.?V. LUGO

LUGO

18 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

? historiador Adolfo de Abel Vilela falará este serán de tres personaxes do pasado lucense tan diversos como Octavio Augusto, María Castaña e San Froilán. Tras eles hai algo e moito de mito, invención, historia real e lenda. -De non ser por Octavio Augusto, ¿os romanos chegarían ó noroeste? -Seguro que outro emperador o faría, pero Octavio Augusto foi unha persoa que lle deu estabilidade ó Imperio Romano, ademais de crear unha rede administrativa. A fama ás veces lévana personaxes asociados ás guerras e ás conquistas, como Xulio César, pero hai outros que contribuíron a facer os pobos. -¿Como cualifica a figura de Augusto para Lugo? -Grandiosa, aínda que nunca estivo aquí. Garantiu a pervivencia do Imperio durante varios séculos. Pero tamén foi controvertido, ó ser un dictador, e á vez un home modesto e sinxelo. -No caso de San Froilán, haberá pouca base histórica para definilo. -Hai moito de inventado, máis que de mítico. É real, pero existen poucos datos documentais. Sabemos que naceu e se criou en Lugo, pero o seu traballo pastoral foi principalmente na provincia de León. -E María Castaña, ¿responde ó mito da muller galega contra o poder? -María Castaña é un invento de Besteiro Torres, que elucubrou sobre unha noticia do padre Flores no seu libro En la España sagrada . Sábese que foi unha señora que fixo unha adovación como arrepentimento polos danos ocasionados polos seus fillos, que mataron a un funcionario que recadaba impostos. Torres elevouna á categoría de heroína, ata o punto de incluíla no volume de Gallegos Ilustres . Ademais, María Castaña non era de Lugo, senón de Cereixa, en Monforte. -¿É importante que un pobo teña referentes do pasado? -A xente necesita ter mitos. É importante vivir da gloria do pasado, o malo é inventar personaxes. Lugo ten moita xente destacada, pero á que ninguén presta atención. É o caso de bispo Izquierdo, que reconstruíu o acueducto que volveu traer auga para a cidade; ou Armanyac, fundador da primeira Sociedade de Amigos del País en Galicia. Un ilustrado.