O responsable da Universidade na cidade lembra que as catro titulacións que propón a Cámara de Comercio deben pasar tramitacións e informes para que se poidan impartir
15 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.?eva nove meses ó fronte do Vicerrectorado lucense da Universidade de Santiago, pero non é un inexperto, xa que estivo cinco anos de vicerrector adxunto na etapa de Francisco Maseda. Afronta o cargo nun momento de cambios no eido universitario e nun ano onde se decidirá o financiamento, e polo tanto a planificación, dos vindeiros cursos. As negociacións coa Xunta están abertas, pero tamén miran cara ó mundo empresarial. -Déronse avances, pero segue a haber pouca implicación por parte dos empresarios coas investigacións que saen do campus. -Os contactos co tecido productivo non son todos os que deberiamos ter, pero tamén digo que son abondosos. Existen numerosas iniciativas, que non enumero para nos esquecerme dalgunha, que nos fai pensar que a evolución será positiva de cara a unha boa comunicación da USC coas empresas e as administracións. Non hai variña máxica. -¿Pero non hai moitos proxectos que quedan no caixón dos investigadores? -Ata o de agora as iniciativas que se teñen levado a cabo coas empresas deron bos resultados. De feito, moitas prolónganse no tempo e con novos encargos. Non está todo feito. Nós temos que ser capaces de trasladar á sociedade cales son as nosas potencialidades para que as empresas e as administracións se acheguen. Temos que ser capaces de artellar unha oferta tecnolóxica, e creo que co novo centro de recursos de investigación que imos crear poderemos dar unha resposta neste sentido. -No mundo universitario existe a convicción de que a Xunta non tivo en conta á USC en crises coma as das vacas tolas ou no do «Prestige». -A miña opinión persoal é que tanto a Administración como as empresas deben facer uso dos recursos de coñecemento que temos na Universidade. A nosa misión non é tomar decisións no ámbito empresarial e político, pero si podemos e debemos facer servicios á sociedade. Somos capaces de asesorar, aconsellar e aportar solucións que afectan á sociedade. Non hai que esquecer que somos unha universidade pública. -¿O equipo rectoral teme que o desastre do «Prestige» afecte ós fondos destinados á Universidade? -Unha situación deste tipo condiciona os esforzos que se fagan en múltiples áreas, e é evidente que somos unha parte da sociedade afectada. Debemos ter un novo marco das universidades. -¿Como afrontan as conversas do novo plan de financiamento? -O novo plan debe ter en conta outras variables, distintas ás que había ata o de agora. O actual aporta cartos en función do número de matriculados, pero non ten en conta ós docentes, a capacidade investigadora de cada universidade, os servicios que se prestan, o patrimonio histórico, etcétera. Non son os mesmos en todas as universidades. O financiamento debe pasar por contratos programa, comprometéndonos coa Administración a acadar obxectivos pactados. -Iso esixe máis esforzo e risco por parte da USC. -É o sistema que se está a impor no noso ámbito. Non o vemos desatinado. A USC, dada a súa traxectoria, é capaz de levar adiante esta fórmula con certas garantías de éxito. -¿Dan por perdida a batalla contra o descenso de alumnos? -Esa situación non é atribuíble á nosa universidade. É algo máis xeral, debido á incidencia demográfica. Son optimista e seguro que manteremos unhas cifras razoables e máis coa chegada de dúas novas titulacións (Topografía e Obras Públicas) para o vindeiro curso. Agora, é certo que os próximos anos non teremos un despegue no número de alumnos como hai uns cursos. -¿Como se conseguen máis universitarios? -Temos que ser capaces de captar estudiantes pola nosa calidade docente, polos servicios que ofrecemos e polas características da cidade. Lugo é cómodo para estudiar. É unha cidade pequena, segura, con bos servicios, cun pasado histórico, cun campus ben situado e todo a uns prezos apropiados. É importante que a cidade sexa atractiva para vir estudiar. -¿Teñen medo ás catro titulacións inglesas que chegan a través da Cámara de Comercio? -Nós centrámonos nas nosas e agora estamos co obxectivo de implantar dúas novas. Non cabe dúbida que as iniciativas doutras institucións para desenvolver titulacións superiores crean unha competencia coas nosas. En calquera caso, a implantación de titulacións oficiais deben vir ó abeiro dunha serie de tramitacións e informes que se teñen que emitir. O caso da Cámara de Comercio seguirémolo con atención e no seu momento faremos as valoracións oportunas. De momento, estamos máis ocupados en levar adiante as titulacións do campus de Lugo. «As escavacións arqueolóxicas que fai Cultura en Pío XII comezarán en breve, e terán unha execución de seis meses»«A conservación dos restos atopados no Vicerrectorado dependerá dos infomes técnicos e da valoración que se faga dos achádegos»«Estiven a falar co director da Escola Politécnica para saber cál é o mellor artellamento e poder impartir as primeiras materias de Topografía e Obras Públicas para o vindeiro curso» «A nosa misión non é tomar decisións no ámbito empresarial e político, pero si podemos facer servicios á sociedade, aportando solucións ós problemas» «Seguro que manteremos a cifras de alumnos matriculados, pero é certo que nos vindeiros anos non teremos o despegue como hai uns cursos»