«Temos técnicas cirúrxicas nas que somos referencia para España, como é a cirurxía vascular, onde se fan prótesis aórticas e vasculares»«O traballo máis importante é definir o novo hospital: cómo queremos traballar, cales son os circuitos dos traballadores...Hai detrás unha oportunidade histórica»«No complexo actual sería difícil encadrar unha gardería porque o máis caro é o metro cadrado. Conseguir espacio para unha nova consulta vale ouro. Na nova cidade sanitaria, en principio, problemas de espacio non temos» «A mediados de ano saberemos as posibilidades de ter neurociruxía. Son realista, optimista non máis do xusto. É difícil, non imposible» «O control das visitas era necesario, non ó mellor tódolos días, pero si a determinadas horas e días, que o hospital convertíase nunha feira» Ramón Ares leva a penas uns meses no cargo. Cando foi presentado polo conselleiro no acto de toma de posesión este dixo del que o nomeara para poñer en marcha o novo hospital de Lugo. Xunto a esta tarefa ilusionante tivo que asumir tamén outras herdades de vello coma as criticadas listas de espera, a limitación de recursos para a xestión encomendada e a falta de persoal, entre outros moitos problemas. -Nomeáronme xerente do Xeral-Calde e de momento a miña obriga é xerenciar o complexo que temos agora mesmo. As perspectivas son de traballar neste novo proxecto e intentar -non depende de min, nin da xente que estamos a traballar na dirección-que o hospital este antes, e poñer da nosa parte todo interese e traballo para que mellore a asistencia sanitaria, e para que colme as demandas dos profesionais, as da propia sociedade e sobre todo intentar adaptar a actual estructura ó hospital do século XXI, no que xa estamos. -¿Empezaron as obras? -Empezaron antes do Nadal co que se fai o primeiro, a acta de replanteo, que é ofrecerlle á empresa constructora e ós arquitectos o terreno, e a partir de aí é cando empeza a contar o prazo de execución da obra. É dicir, os catro anos e medio nos que foi adxudicada a obra comezaron a contar a partir dese día. A semana pasada xa tiveron reunións de seguemento da obra coa constructora, arquitectos directores e os do Sergas. Estamos a espera de que as máquinas empecen a tirar canto antes para arriba. -Nestes catro anos e medio, ¿que se vai facer? -Un hospital é algo vivo que está continuamente cambiando. A idea do Sergas e deste xerente e completar a carteira de servicios. No caso de Lugo algo que non é novo, ver se somos capaces de montar os servicios e neurocirurxía que é o que falta para completar a carteira do Hospital Xeral. Nesa teima non imos deixar de insistir. Pero, atopámonos coa dificultade, case imposibilidade, de encontrar neurocirurxanos. O mercado non os ten. Despois haberá que empezar a reforma de pediatría. O proxecto está definido e estamos á espera de que saquen a concurso esa obra, para executala no menor tempo posible. Esperemos que esté funcionando neste ano. -¿Non será que os cirurxáns non queren vir a Lugo porque as condicións que se lles ofrecen non son máis vantaxosas que noutros sitios? -Está claro que cada cidade e cada hospital ten un atractivo. Os neurocirurxanos fórmanse en determinados hospitais, sae un número reducido ó ano e hai sitios máis atractivos que Lugo e o hospital de Lugo. As condicións que poñemos son as que podemos. Poñemos toda a carne no asador para intentar convencer a xente de que veña para aquí. Agora, este hospital ten os servicios que ten, Lugo é a cidade que é, e iso non o podemos cambiar. Hai cousas contra as que é difícil competir. -¿Quere dicir que se non veñen é que Lugo non lles parece atractivo? -Non quero ser desprezativo con Lugo, pero se ó mellor a mín me dan a escoller entre Lugo e Madrid, ó mellor é máis atractivo Madrid. Tratamos de convencelos de que é un servicio novo, con todo o apoio posible, e cunha capacidade de crecemento que non van atopar noutros sitios e no que é fácil acadar xefaturas de servicio. Con todo e iso, non hai maneira. Pero non só falla en Lugo, senón tamén en León, en Ourense, en Valladolid... -¿Significa que non hai moitas posibilidades de crear o servicio? -A metade de ano saberémolo porque os ciclos rematan en maio. Son realista. Optimista non máis do xusto. É difícil, non imposible. Tampouco podo dicir que vaiamos empezar mañá. -¿En que consiste a reforma de pediatría? -En modificar a estructura para facela máis funcional, máis confortable, no mesmo espacio que ocupa, a través dunha redistribución. -Falouse de que permitirá a necesaria reforma do hospital de día. -A reforma de pediatría realmente é o que nos vai permitir redistribuír toda a pediatría nunha área e gañar espacio para trasladar as consultas de oncoloxía e de hematoloxía. Onde está agora todo misturado, quedará para hospital de día. Haberá que reformalo e sobre de todo, adecentalo. Os pacientes poderán estar nunha posición máis cómoda porque agora mesmo temos que facer consulta e tratamentos nun espacio moi reducido. Permitiranos tamén facer máis tratamentos ambulatorios no hospital de día, sen que a xente ingrese. Isto trataremos de facelo a partires de outubro ou novembro. -¿Para o servicio de radioterapia haberá que esperar ó novo hospital? -Iso está claro. Aquí non temos sitio onde montalo e tampouco podemos dispoñer das infraestructuras.