A tenda de comercio xusto da rúa San Pedro será ampliada para ofrecer ó público unha maior oferta de productos de todo tipo
31 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Dende o ano 1994 funciona na capital lucense o colectivo A Cova da Terra, do cal é membro Gerardo Castedo. Trátase dunha asociación que basea a súa actividade preferentemente no comercio xusto. Precisamente a polémica suscitada recentemente por informes publicados en La Voz, relacionados coas empresas galegas da moda foi denunciada ducias de veces por este colectivo. -Parece que no tema da moda non é todo ouro o que reluce... -Cando nós fixemos a campaña Roupa Limpa , fóramos falar cos de Inditex, tamén cos de Adolfo Domínguez, e negaban todo iso. Incluso os sindicatos decían que quen éramos nós para meternos nesas cousas porque alí todo se facía moi ben. Pasados dous ou tres meses xa vimos que estaban a protestar. É curioso porque Inditex forma parte dunha asociación internacional, dependente da ONU que está en contra da explotación. A realidade é diferente. -¿Cal é a súa mensaxe para os compradores deste tipo de productos? -É preciso un consumo responsable, saber realmente o que se compra, de onde vén. Que a xente non se deixe levar polos anuncios, que pense e reflexione, que non se guíe polos cartos, por saber onde mercar máis barato porque todo iso redundará na nosa vida. -¿Que proxectos ten a asociación para os vindeiros meses? -Temos pensado ampliar a tenda en poucos meses, con vistas a unha maior oferta de productos. En canto a outras actividades, hai continuidade e temos un proxecto novo, bastante ilusionante: crear unha asociación sobre financiación alternativa que permitirá dar saída a proxectos que non teñen o apoio da banca normal.