«Moitos políticos son uns ineptos e outros van ó chupe dómine»

La Voz

LUGO

CHECHU RÍO

Xulio Pita Muinelo, concelleiro do grupo mixto en Castro de Rei Son moitos os veciños de Castro de Rei que visitaron nos últimos días a vivenda do novo edil do grupo mixto, Xulio Pita, para apoialo trala decisión de abandonar o BNG polas diferencias que tiña co voceiro, que se fixeron extensivas á UPG. Como home de palabra, cumpriu o seu compromiso, pese a que compañeiros lle deron a espalda trala anunciada demisión. «Aquelo foi unha venda», matizou.

20 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O concelleiro Xulio Pita Muinelo pasou a integrar o grupo mixto no Concello de Castro de Rei para intentar, desde a oposición, «recupera-los tres últimos anos perdidos de traballo no BNG». Seguirá traballando na oposición, para conseguir o pobo que os seus veciños lle demandan. O tempo que resta de mandato é suficiente para velos resultados do seu traballo, e calcular as posibilidades de presentar unha candidatura independente, se atopa o respaldo de persoas da súa confianza. -¿Que sucedeu? -Compartía a ilusión do electorado polo traballo feito con anterioridade e que nos valeu o seu respaldo. Perdeuse a credibilidade. Non había diálogo, nin grupo. Un voceiro está para expresar o que sinten todos, non un só. Creo que a UPG ten máis interese por controlar o partido que en traballar polo pobo. -¿Como se sinte? -Decepcionado e defraudado co ocorrido e co comportamento de antigos compañeiros. Os resultados das últimas eleccións municipais foron excepcionais para o BNG, pero o partido non estivo á altura das expectativas que crearon no pobo. Moitos políticos son uns ineptos e outros van o chupe dómine . Creo que a política é unha oficiña de emprego, xa que serve para colocar ós amigos e ós familiares. Os partidos son os grandes caciques da democracia. É un bálsamo que a xente vexa en min unha persoa e non un político. -¿Como influiu na súa decisión a diferencia de criterio no BNG sobre o PAC? -O do PAC foi un roubo para Castro de Rei. Falei de crear un movemento social para consegui-lo apoio da xente a través de firmas, e non houbo vontade. Ninguén quixo comprometerse co pobo para loitar polos problemas dos servicios sanitarios. -¿Cales son as iniciativas que máis interesan ó Concello de Castro de Rei? -Cada concello ten os seus problemas, e non se pode andar presentando unha traca de mocións que son de pouco ou nulo interese para os veciños. Esa traca é un funcionamento piramidal e creo que non se pode gastar en viño o que non tes para pan. O BNG ten que traballar arreo a partires de agora para demostrar que eu era o que molestaba.