SUSO VARELA A ENTREVISTA Silvia Carballido, filóloga lucense autora do libro «Novela en pé de guerra» A xove lucense Silvia Carballido vén de rematar o libro «Novela en pé de guerra», de Ediciós do Castro. Trátase dun volume sobre a producción en castelán dos novelistas galegos que viviron a Guerra Civil. A autora analizou 28 obras de quince autores -como Cela, Torrente, Fernández Florez ou Franco- e sinalou as referencias autobiográficas da guerra que deixaron estes escritores nas súas obras.
11 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Silvia Carballido Reboredo é unha xove filóloga lucense que se decidiu a investigar a literatura castelá de quince autores galegos e ver cómo reflexaron a Guerra Civil nas súas novelas. Cre que era necesario un volume deste estilo xa que non había ningún estudio sobre o tema. -¿Como aparecen as referencias á guerra na literatura dos autores seleccionados? -De diversas maneiras. Destacan as notas autobiográficas, a visión da guerra desde Galicia, os sentimentos desde o exilio... Sempre é un tema latente nas súas obras. -¿De que xeito se manifesta en Cela e Torrente? -No caso de Torrente hai unha evolución. Parte da visión do bando nacional e vaise achegando cos anos ó lado dos que perderon. No caso de Cela, vénse cambios a nivel estilístico. As primeiras novelas, como Pascual Duarte, son moi fortes. Cos anos, racha a linealidade e busca máis o estético. -¿E no caso de Franco? -Analicei Raza, que firmou co seudónimo de Jaime Andrade. É unha simple alabanza do seu bando. -¿Que autor lle chamou máis atención? -O surrealismo de Eugenio Granell. Ten unha visión moi innovadora e moi irónica do que foi o conflicto bélico. No libro La novela de Indio Tupinamba hai escenas que lembran a Buñuel, como abrir as portas e aparecer no campo de batalla. -¿Hai tempo para o humor nestas novelas? -Si, aínda que sexa de xeito irónico. Granell, Torrente Ballester e Fernández Florez teñen a ironía propia dos galegos.