«Búscate a vida e non chores»

La Voz

LUGO

SUSO VARELA A ENTREVISTA Antón Díaz, membro do colectivo musical Amelga A Asociación de Músicos en Lingua Galega, Amelga, fundouse hai dous anos en Lugo. Un dos seus promotores é o músico lucense Antón Díaz. Considera que o balance das actividades é positivo, mágoa que hai conxuntos que se están a disolver. Amelga terá este mes unha «web» e unha sede permanente en Santiago, «co que facilitaremos máis información ás comisións de festas e ós concellos que nos queiran contratar».

04 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Antón Díaz forma parte do grupo Alberto Bundi e a Turma Angologalaica, e estivo na banda de Os Papaqueixos. É un dos maiores impulsores do proxecto Amelga, no que están integrados corenta grupos de toda Galicia, entre eles varios de Lugo, como A Volta do Agro, Liñaceira, Brandián ou Humanoid. -¿Como se atopa neste momento Amelga? -Pois a nivel de actuacións moi baixos. A mellor época foi no verán, que é cando hai festas en moitos pobos e vilas de Galicia. Agora estamos parados a nivel musical pero non de xeito organizativo. Estamos acondicionando un local en Santiago, organizando cursiños e facendo unha páxina web. -¿Que preteden con estas actuacións? -Que nos conozan máis e mellor. Por exemplo, coa web, os interesados en contratar algún dos nosos grupos poderán ler as letras das súas cancións e ver os estilos. O local servirá para centralizar o noso traballo e impartir cursos, como de técnicas vocais, fabricación de palletas, sonorización e baile tradicional. -En Lugo, ¿hai futuro para os grupos de música? -O que máis se bota de menos é unha sala de concertos. Está o Clavi, que traballan moi ben, pero é un ambiente que non vai co ritmo rock ou coa música tradicional. -E no tocante a lugares para ensaiar. -Son dos que pensa que os locais para ensaiar non deben preocupar, nin hai que pedilos ó Concello. Sempre digo que para ter un grupo de música «búscate a vida e non chores a ninguén». Os mozos en vez da litrona deben vir á música.