Hoxe é día da alfabetización

La Voz

LUGO

En España máis dun millón de persoas maiores de quince anos non sabe ler nin escribir e a esta cifra hai que engadirlle a dos analfabetos funcionais. Así o sinala o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG), que quere aproveitar que hoxe é o Día Internacional da Alfabetización para denunciar a política do goberno central e da Xunta de Galicia ó respecto. Segundo o sindicato, as políticas desenvolvidas polas administracións educativas, están lonxe de cubrir o obxectivo dun ensino de persoas adultas de calidade, pois, entre outros aspectos -asegura-, a inversión non chega ao 1% do orzamento de educación, favorecéndose o ensino a distancia, no canto do presencial que é moito máis efectivo. Segundo STEG, ainda hoxe, trinta e catro anos despois de que a ONU e a UNESCO declarasen en 1967 este Día Internacional da Alfabetización, as cifras seguen a ser moi significativas: hai mil millóns de persoas analfabetas no mundo e 130 millóns de nenas e nenos que nunca pisaron unha aula. «Pódese afirmar, polo tanto, que o dereito ao ensino é un espellismo para unha quinta parte da humanidade», dicen. Engaden que a Loxse recolle o ensino de persoas adultas e marca como un dos seus obxectivos que «as persoas adultas que queiran adquirir os coñecementos equivalentes ao ensino básico, contarán cunha oferta axeitada ás súas condicións e necesidades», algo que STEG considera que non se cumpriu, como demostra o número de persoas analfabetas e analfabetas funcionais que existen.