«É moi importante estar orgulloso de ser galego»

La Voz

LUGO

LAURA LIZ A ENTREVISTA Eduardo Parajuá, da asociación Amigos do Idioma en Bos Aires

01 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O enxeñeiro arxentino Eduardo Parajuá, fillo de emigrantes galegos, é vicepresidente en Bos Aires da asociación Amigos do Idioma Galego. Nela traballan diversos colectivos que manteñen viva a lingua e a cultura galega. Parajuá está na actualidade visitando Lugo coa súa muller Sonia Vivacqua, de orixe italiano e vinculada á promoción da lingua galega na capital arxentina. A relación deste arxentino con Galicia intensificouse en 1982 cando visitou por primeira vez Romelle, no concello de Samos, e San Pedro de Farnadeiros e Abragán, no Corgo, de onde eran orixinarios os seus devanceiros. Dende entón, as súas visitas a terras galegas intensificáronse co paso dos anos e a súa colaboración a prol do idioma galego tamén. -¿Que lembranza ten da primeira vez que visitou Lugo? -É curioso porque tiven a sensación de retornar a miña terra, para min é importantísimo estar orgulloso de ser galego e tamén de falar esta lingua. Penso que se se perde a lingua, pérdese a identidade. -¿Que actividades desenvolven na asociación Amigos do Idioma Galego? -Temos unha actuación activa defendendo a grafía normativa de caracter reintegracionista e a cultura galega. Festexamos datas sinaladas coma o Día de Galicia e o Día das Letras Galegas, organizamos cursos de galego e facemos o boletín Adigal. -¿En que consiste este boletín? -Pertence a nosa asociación e nel colaboran galegos e defensores do galego reintegrado en Arxentina. Ó principio publicábamolo cada tres meses pero agora facémolo dous veces ó ano. Trátanse noticias, estudios de temas concretos e temas lingüísticos, entre outros. -¿Como viven a cultura galega no entorno familiar? -Falamos galego, escoitámo-la música tradicional e estamos en contacto ca cultura.