«Hai debilidade no goberno local»

La Voz

LUGO

SUSO VARELA A ENTREVISTA Zita Méndez, responsable municipal de Izquierda Unida

18 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A executiva comarcal de IU non aprobou os dous anos de goberno de coalición entre PSOE e BNG. Por medio dun comunicado expresan a súa decepción pola forma de levar a acción de goberno. A responsable da área municipal, Zita Méndez, comenta que as expectativas que se abriron tralo resultado das eleccións viñéronse abaixo. -¿Como define o traballo da coalición? -A coalición non cambiou nestes dous anos nin as formas nin os métodos de gobernos municipais anteriores. Dá a impresión de que o exercicio do poder borrara tódalas intencións e tódolos debezos que se transmitían nos momentos en que non o exercían. -¿Cales son os erros do goberno local? -Non se produciu un avance sustancial para acadar unha xestión máis transparente nin na participación cidadán. Non existen máis cauces que permitan un maior coñecemento da xestión municipal nin en materia de participación, e cando estes se deron, foron producto da presión popular. -¿E nas áreas municipais? -Prodúcese un paso atrás en medio ambiente, aceptando o Plan Sogama e a incineración de resíduos. Non hai constatación dunha solución á situación da depuradora de augas residuais e ó deterioro dos colectores xerais. En canto ó plano de tráfico, está paralizado, sobre todo naquelas medidas para racionalizar o mesmo pola Ronda da Muralla. E a revisión do plano de ordenación urbana atópase ralentizado e o Pepri sofre os ataques da especulación diante da debilidade política do goberno. -¿Afirman que a coalición ten aspecto do PP? -Véndese patrimonio municipal e parcelas en Augas Férreas, nunha política recaudatoria similar ó PP.