«O amor é a miña teima»

La Voz

LUGO

SUSO VARELA A ENTREVISTA Marica Campo, gañadora do primeiro premio de poesía Fiz Vergara Marica Campo atreveuse co soneto no seu segundo poemario, «Pedinche luz prestada». O resultado parece darlle a razón na elección dos versos, xa que gañou o primero premio Fiz Vergara, e agora acaba de editalos en Espiral Maior. Trátase dun libro de trinta e tres sonetos cun tema recurrente, o amor. Onte presentouno en Lugo, xunto cos amigos que non quixeron perderse a cita.

27 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Coa presencia dos escritores Miguel Anxo Fernán-Vello e Xosé Miranda, a cantante Pilocha -que interpretou temas de Pedinche luz prestada- e a artista Eva Llorens -autora da ilustración da portada- presentouse na Galería Sargadelos o segundo poemario de Marica Campo. O primero fora Tras as portas do rostro, publicado pola editorial Bahía en 1992. O acto de onte foi organizado polo clube cultural Valle-Inclán. -¿Por que elexiu o soneto para o novo poemario? -Crin que se axeitaba ben ó libro que quería facer. Cando recibín o premio Fiz Vergara alegreime moito porque precisamente el foi un mestre creando sonetos. Tíñalle moita admiración. -Hoxe en día non se leva moito o soneto. -Pregúntome qué pode ser innovador neste momento. A poesía é máis que rima e medida. O importante son as imaxes, que sexan capaces de responder a unha época. -¿Continúa cos temas do anterior volume? O amor segue a ser a miña principal teima. En Pedinche luz prestada quería facer un poemario cheo de amor. O soneto acotóume moito e evitou que saisen poemas desbordados de paixón. Tamén hai elementos da natureza. -Supoño que recibir un premio literario é importante, e máis na poesía. -Non me podo queixar. Pero neste país custa cartos escribir e no caso da poesía todavía máis. Nunca será para maiorías.