O valor de saber rirse dun mesmo

La Voz

LUGO

02 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Froito tamén da tradición galega é o humor con que están narrados Feitizo e Resalgario. «Na tradición está a capacidade de rirse dun mesmo», suliñan os autores lucenses, pero explican tamén a necesidade de desmitificar personaxes como as bruxas, por exemplo, «pero sen chegar a matalos». Por outra banda, Reigosa defende a existencia de matices como «que nos bos sempre hai algo malo, e tampouco os malos o son tanto». Na mesma liña maniféstase Miranda, que critica a reescritura de contos populares desde a visión politicamente correcta, na que un ogro non podería comer a alguén. A intención final é que «o lector faga as súas reflexións», e que, ó igual que os contos servían para interpreta-la realidade, as historias tiradas do marabilloso tamén aporten claves para os lectores do mundo de hoxe en día. Xunto con Xoán Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda son os responsables da colección Cabalo Buligán, de Xerais. Xa están nas librerías os volumes nove e dez, titulados Contos de animais. Como nas entregas anteriores, son historias de tradición oral ás que os autores lugueses lles dan a «variante total», é dicir, das múltiples variacións dunha historia eles fan unha que debeu de ser a orixinal e primixenia. Outro libro en preparación é un novo volume sobre seres míticos galegos, dirixido ós lectores novos, e profusamente ilustrado. Por último, tamén sairá Contos colorados, con preto de trescentas historias de corte erótico.