«A cuestión da identidade está na miña obra desde o principio»

La Voz

LUGO

JESÚS FRAGA A ENTREVISTA Xosé Miranda, autor que vén de publicar «Triloxía pánica» «Triloxía pánica» (Xerais peto, 2000) é unha recopilación de relatos do escritor lugués Xosé Miranda, nos que, baixo a envoltura da literatura fantástica, indaga na identidade do home. Ó igual que noutras obras, a mitoloxía desempeña un papel definidor. Cunha prosa engaiolante, conduce ó lector ata os poderosos finais de «A neve e a cadeira», «Lambirón» e «Vestio».

26 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

_Aínda que sexan narracións fantásticas, este elemento está dentro do real. _A narrativa fantástica ten que ter necesariamente ese compoñente. Hai tres tipos de literatura: unha realista, que trata de retratar a realidade, aínda que toda literatura sexa unha ficción; a marabillosa, que se sitúa nun mundo irreal, no que o lector acepta as regras; e un punto intermedio, o fantástico, no que se introduce no mundo real un elemento fantástico. Ademais, nestes tres contos hai moito de biográfico. O barrio de A neve e a cadeira é o meu, son os lugares da miña infancia. _Tamén está enraizado coa mitoloxía. _Os utilizo desde hai tempo. Proveñen da mitoloxía galega e da literatura oral, cousas que se contaban cando era neno. Se estou facendo literatura fantástica, teño que facela verosímil. Ese demo, o lambirón, o home peixe, proceden da mitoloxía galega. Por outra banda, a mitoloxía galega é universal, igual que o que fixo Tolkien coa británica ou a nórdica. Xa o fixeron Cunqueiro e Fole antes. _¿Non hai un certo etnocentrismo ó negar a importancia dos mitos? _Houbo unha época na que na antropoloxía dominou o eurocentrismo. O seu obxectivo era estudiar as sociedades que chamaban «primitivas», cando a occidental tamén se pode estudiar con métodos científicos. En Galicia pervive o tradicional; nesta parte de Europa aínda se poden seguir, xa que estivo marxinada dos centros de poder, xeográficamente, no económico. _Pero ese elemento irracional pervive. _Está clarísimo. A sociedade actual alímentase de mitos de masas, é a forma de explicar os éxitos dos actores, dos cantantes. A xente enche a súa vida con esas cousas, ó igual que antes o facía cos mitos prehistóricos, ou o cristianismo, que é unha mitoloxía máis sistemática, que pretende explicalo todo. Tamén hai outros mitos, como o da unidade da patria, a nación. _Nestes tres contos tamén aparecen constantes da súa obra como a dualidade ou os xemelgos. _É máis a identidade. O antropólogo de Vestio non sabe quen é, á propia doutora pásalle o mesmo. Esa cuestión está presente na miña obra desde o principio.