«Non recordo un ano que fose tan desastroso para as setas»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

TABOADA

Díaz sinala que as especies comestibles están case ausentes na zona sur

05 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ramón Díaz encontrou onte pola tarde no municipio de Taboada a primeira cerrota que puido ver esta temporada, nunha saída organizada pola asociación monfortina Os Lactouros con motivo das súas Xornadas Micolóxicas. A seca dos pasados meses fixo que este outono fose especialmente pobre en setas. En opinión de Díaz, probablemente é a peor temporada desde que a asociación iniciou as súas actividades, hai 33 anos.

-Parece que a temporada micolóxica non é nada boa.

-Non recordo un ano que fose tan desastroso para as setas. Hai tres ou catro anos veu outra temporada moi mala porque chovera pouco, pero así e todo había moitos máis cogomelos que os que hai agora. En moitos sitios onde imos facer normalmente as recollidas porque son moi abundantes en fungos, este ano non hai nada de nada. Para encontrar algunha seta hai que facer quilómetros e quilómetros. Pode dicirse que este é un ano mísero.

-A pesar da seca, ¿hai especies comestibles que se poidan aproveitar este outono?

-Hai catro ou cinco variedades, como o Tricholoma colossus, un par de boletos, algún champiñón... De todas formas, a cantidade que se pode encontrar é moi pequena. Pero as cerrotas, que son a especie comestible máis típica e máis prezada nesta zona, están desaparecidas. Agora acabamos de ver a primeira e nun ano normal vense centos ou miles delas. Para non ver unha triste cerrota xa ten que ser un ano ben pobre. O malo é que eu creo que aínda que siga chovendo non van aparecer este ano, porque xa é demasiado tarde. Poden saír algunhas máis, pero a partir de agora xa non é a súa época.

-¿Que se pode esperar da temporada de inverno, no caso de que chova o suficiente?

-Se hai bastante auga, nos próximos meses poden brotar algunhas especies comestibles interesantes, como o Cantharellus tubiformis ou o Tricholoma portentosum. Normalmente deberían saír, pero este ano foi tan raro que xa non me atrevo a asegurar nada. Esperemos que non veñan moitos anos como este e que para a temporada próxima recuperemos a normalidade.

ramón díaz presidente da asociación os lactouros