A asociación O Colado do Vento editou un folleto para divulgar o patrimonio prehistórico do municipio
16 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A asociación O???????Colado do Vento, seguindo unha liña iniciada xa hai tempo, editou un novo folleto dedicado a divulgar o patrimonio cultural e histórico de Sober. Se o colectivo xa elaborou publicacións sobre a tradición oral e o legado románico do municipio, a nova iniciativa céntrase no seu valioso e pouco coñecido patrimonio castrexo.
O folleto, titulado Castros de Sober: guía introdutoria , contén un inventario e un mapa nos que se indican a situación e as principais características dos 23 poboados castrexos que se coñecen no territorio municipal, repartidos polas parroquias de Amandi, Anllo Santo Estevo, Anllo San Martiño, Arroxo, Barantes, Bolmente, Doade, Gundivós, Lobios, Neiras, Pinol, Proendos, Rosende e Vilaescura. A guía menciona ademais as diversas esculturas de orixe castrexa que se conservan en vivendas particulares de diversas localidades, como Proendos, Arxemil ou Barantes.
Cultura material
A información prática que proporciona o folleto complementáse con notas explicativas sobre a cultura material dos castros soberinos -acerca dos diversos utensilios e pezas de cerámica localizados nestes xacementos-, sobre a importancia que tiveron estes asentamentos na tradición oral e nas lendas e sobre as pegadas que deixaron os castros na toponimia local.
O contido da publicación está directamente relacionada cunha excursión que organizou a asociación o mes pasado polos castros do municipio. Todas as persoas que tomaron parte no percorrido poderán conseguir gratuitamente un exemplar impreso en papel, que se vende ao prezo de tres euros aos demais interesados. Tamén é posible acceder á publicación a través da páxina de Internet da asociación, no enderezo Coladodovento.blogspot.com, onde se ofrece unha reprodución íntegra,
A publicación foi realizada coa axuda de varios colaboradores, entre os que está o arqueólogo Iván Álvarez. Os responsables permiten copiar e distribuír libremente o folleto, a condición de que se faga sen ánimo de lucro, de que non se alteren os contidos e de que se mencione aos autores da publicación.