Resucitar unha ruína ilustre

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

SOBER

Reportaxe | Un singular legado histórico O Palacio de Sober, que a empresa Alvaher 98 pretende converter nun hotel de luxo, figura entre os monumentos máis emblemáticos da comarca de Lemos

21 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? proxecto de reconstrución do Palacio de Sober para transformalo nun hotel de cinco estrelas, recén anunciado pola empresa Alvaher 98, pode supoñer a recuperación dunha das ruínas máis emblemáticas do sur lucense. O edificio encóntrase en estado de abandono desde hai moitos anos e xa en 1933 foi parcialmente demolido polos seus propietarios, en vista do avanzado estado de ruína que entón presentaba. Pese a todo, seguiu ocupando ata hoxe un lugar destacado entre os monumentos da comarca polo seu imponente porte e pola súa importancia na historia da Terra de Lemos. A actual edificación procede na súa maior parte de entre os séculos XVI e XVII, a xulgar polos seus trazos arquitectónicos de estilo barroco. Non obstante, a súa historia comeza moito tempo antes. Segundo indican algúns testemuños históricos, puido ter a súa súa orixe nunha casa torre construída na alta Idade Media -hai quen pensa que nunha época tan temperá como o século VIII- da que aínda parecen conservarse as bases. Este primitivo edificio foi crecendo en sucesivas ampliacións e reformas ao longo dos séculos. No vello palacio quedan diversos vestixios de diferentes épocas que dan testemuño deste longo proceso. Un legado arquitectónico de moi notable valor, a pesar do seu deterioro, que deberá ser examinado en detalle por Patrimonio antes de autorizar -e talvez modificar en certos aspectos- o proxecto de reconstrución.