Reportaxe | Normalización lingüistica na empresa O uso do idioma propio ten un importante peso nas adegas da Ribeira Sacra, sinalan os autores dun libro sobre a cuestión que será presentado hoxe na Casa de Cultura de Monforte
15 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.LETREIROS NORMALIZADOS. As adegas de Sober xa utilizan hai tempo unha sinalización común na que se emprega o galego. Ás sete da tarde de hoxe presentarase na Casa de Cultura de Monforte o libro Palabras da terra , unha publicación promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística para fomentar o uso do galego na identificación e na publicidade dos viños, algo no que a denominación Ribeira Sacra ten un papel destacado, segundo afirman os representantes deste colectivo. No acto participarán o presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez, e o adegueiro Evaristo Rodríguez. O libro pretende recoller da forma máis exhaustiva posible todas as iniciativas de uso do galego na etiquetaxe dos viños, na publicidade e noutras actividades cara ao público no ámbito das diferentes denominacións galegas. Na publicación recóllense 58 casos, pero os seus promotores puntualizan que este número xa creceu de forma significativa desde o momento en que se recopilaron os datos. Carmen Pérez Vaquero, representante da mencionada asociación, sinala que cando o libro se elaborou, na Ribeira Sacra eran dezaseis as adegas que se caracterizaban polo uso do galego nas súas etiquetas. «Hoxe pode que haxa algunhas máis, porque sabemos que en toda Galicia xa rondan as oitenta, pero esa cifra xa é importante», afirma. «Só no Ribeiro, contamos un maior número, trinta adegas, e estas dúas zonas son talvez as máis mentalizadas, mentres que, por exemplo, en Rías Baixas eran nove as adegas que apostaban polo galego, en Valdeorras cinco e en Monterrei unha soa», agrega. Servir de exemplo A idea da asociación é que este libro sirva como estímulo para animar a outras adegas a utilizar o idioma propio da comunidade. «Os máis reacios ao galego, curiosamente, están entre os pequenos produtores, mentres que algunhas das adegas de maiores dimensións están entre as pioneiras na utilización da nosa lingua», comenta Carmen Pérez. A publicación recolle non só datos e imaxes de numerosas adegas que empregan o galego, senón tamén as opinións dos seus propietarios con respecto ao uso do idioma. A iniciativa encádrase nunha campaña de concienciación máis ampla que esta asociación desenvolve desde hai tempo baixo o lema Galeguizar Galicia . «Ata agora, estas campañas de normalización lingüística leváronse a cabo sobre todo en ámbitos como o funcionariado ou a administración de xustiza. Agora queremos levalas tamén a sectores como o da industria agroalimentaria ou da restauración e decidimos comenzar polo sector vinícola porque está particularmente relacionado coas tradicións propias do país», explica Pérez.