? igrexa románica de San Xillao de Lobios ocupa un importante espacio no estudio de Xosé Lois García, quen concede unha grande importancia a este templo. «A igrexa de Lobios merece ser declarada monumento nacional con moita máis razón que outros monumentos que xa teñen esa categoría», afirma. As igrexas de Lobios e de Pinol son as únicas do municipio de Sober que adoitan figurar nos catálogos e rutas da arte románica. Non obstante, García inclúe no seu estudio outras cinco igrexas -Canaval, Proendos, Amandi, Anllo e Bolmente- que conservan algúns restos románicos pouco coñecidos pero que na súa opinión ofrecen un grande interese. «Os únicos vestixios románicos que quedan nalgunhas destas igrexas son as pías bautismais, pero esas pías están decoradas cunha serie de figuras de grande riqueza simbólica, que merecen moitísima atención», explica o historiador.