A empresa Caurelor, radicada no Courel e Quiroga, cumpre 20 anos
31 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Este ano cúmprese o vixésimo aniversario da posta en marcha da empresa Caurelor, dedicada á elaboración e comercialización de marmeladas de castañas e de diversos tipos de froitos. Un dos responsables da firma, Daniel Arza, falou sobre esta experiencia dentro do ciclo de coloquios Faladoiros, organizado polo Concello de Quiroga. A empresa foi creada conxuntamente por el e por Verónica Núñez. A súa sede social está na localidade de Santa Eufemia —no concello de Folgoso do Courel— e o obradoiro onde se elaboran os seus produtos encóntrase en Espandariz, na parroquia quiroguesa de Nocedo.
Segundo explica Arza, inicialmente non estaba previsto que a empresa fose centrarse neste actividade. «Empezamos máis que nada por probar, pensando que a produción de castañas estaba un pouco abandonada nesta comarca», di. Os seus primeiros pasos consistiron na venda de castañas en fresco. «Despois comezamos a preparar e vender castañas en almibre e máis adiante pensamos en facer tamén marmeladas», engade.
Aprender probando
Os responsables de Caurelor sinalan que aprenderon a elaborar os seus produtos a base de facer probas. «Tiñamos algunha idea, pero aprendemos sobre todo por nós mesmos e despois de comezar coas marmeladas de castaña decidimos probar tamén con outros froitos, como as moras, os arandos e as cereixas», sinala Daniel Arza. A oferta da empresa foi medrando co tempo e hoxe comprende unha vintena de produtos, entre os que figuran —entre outras— as marmeladas de castaña, marmelo, arando, pexego, cereixa e mora, a crema de castañas, os zumes de diversos froitos e o mel.
Daniel Arza recoñece por outro lado que cando a empresa iniciou a súa andaina os responsables non estaban seguros de que o proxecto chegase a prosperar. «Ao principio non tiñamos nada claro se poderíamos vivir disto, pero levamos así vinte anos e pensamos seguir traballando da mesma maneira ata que nos xubilemos», comenta.
As castañas, din por outro parte os creadores de Caurelor, proceden de soutos da súa propiedade que se encontran no municipio de Folgoso do Courel. Os demais froitos que empregan para elaborar os seus produtos son do val de Quiroga. «Algúns deles cultívanse en terreos propios e outros son comprados a outras persoas», explican. A empresa só pediu unha subvención cando iniciou a súa actividade e desde entón non recibiu máis axudas.
Unha produción que se distribúe principalmente a través da venda directa en numerosas feiras
Os produtos da empresa Caurelor distribúense sobre todo a través das feiras. «Temos unha tenda dixital e estamos presentes en varios comercios, pero máis ou menos 80% do que comercializamos e por venda directa, da que nos encargamos nós mesmos», sinala Daniel Arza. A temporada forte de vendas comeza en primavera. A empresa participa habitualmente en feiras gastronómicas e doutros tipos que se celebran por toda Galicia.
Todos os produtos alimentarios que conforman a oferta da empresa Caurelor son elaborados persoalmente por Daniel Arza e Verónica Núñez. «Agora axúdanos tamén un pouco o noso fillo, pero todo o que vendemos é feito por nós», sinalan.
Desde que iniciou a súa traxectoria, por outra parte, Caurelor tivo que afrontar diversas dificultades que afectan a outras empresas que traballan con produtos agrícolas. Os ataques da avespa do castiñeiro supuxeron hai algúns anos unha importante mingua na súa produción. «Ás veces aparecen problemas deste tipo e o ano pasado, por exemplo, tivemos unha colleita de cereixa pésima, porque o tempo non foi nada favorable, pero cando vén unha época mala para un tipo de froito podemos suplilo con outros, de maneira que sempre contamos con materia para elaborar os nosos produtos», conclúe Daniel Arza.