A actuación ofrecerase o 24 de xaneiro no auditorio municipal da localidade
28 dic 2025 . Actualizado a las 17:25 h.A cantante Irene Caruncho abrirá o 24 de xaneiro en Quiroga un ciclo de concertos denominado Doce Sons, que se desenvolverá ao longo do ano próximo nos municipios do xeoparque Montañas do Courel. Unha parte dos beneficios obtidos nestas actuacións será destinada a financiar diferentes proxectos de desenvolvemento no territorio. Os do primeiro concerto deste ciclo dedicaranse a axudar á adquisición de mobiliario para o bar restaurante Terriña Salvaxe —no municipio de Quiroga—, creado polos responsables doutro negocio de hostalería que foi destruído por un incendio na localidade de Cruz de Outeiro en setembro do 2024, menos dun ano despois da súa apertura.
A actuación de Irene Caruncho será a partir das 22.30 horas no auditorio municipal de Quiroga. Previamente, ás 21.00 horas, ofrecerase aos asistentes un aperitivo con viños da adega quiroguesa Casa de Outeiro e petiscos. Ás 22.00 horas haberá un acto de presentación do proxecto. A entrada para estas actividades custa 30 euros, dos que dez se destinarán como donativo para o financiamento do referido proxecto. As entradas poden adquirirse a través do portal Ataquilla.com.