Adeus a Maruja, do Bar París

María Vázquez OBITUARIO

PANTÓN

13 ene 2021 . Actualizado a las 13:35 h.

O pasado 9 de xaneiro finou María, coñecida por Maruja do Bar París, de Ferreira de Pantón. Persoa moi aprezada polos veciños deste concello e polos doutros concellos, dada a súa dedicación durante moitos anos ao negocio que agora rexentan unha filla e unha neta. Somos moitos os que a elas nos unimos na súa dor, igual que ao resto dos fillos porque todos son merecedores da nai que tiveron.

Maruja loitou moito, dadas as circunstancias que dende unha idade temperá tivo que afrontar: viúva desde moi xove e con catro fillos. Aínda con todo iso, tiña sempre un sorriso para todos os clientes, veciños ou forasteiros. Non soamente un sorriso, senón tamén un tempo quitado do seu descanso para escoitar ao amigo, o solitario ou ao que buscaba un desafogo no bar.

Maruja do Bar París…! O meu sentido pésame a túa familia, que te adoraba. Non podía ser doutro xeito tratándose de ti. Que descanses en paz. Deixas en nós un vacío dificilmente substituíble.