Jorge Pérez está á fronte dunha explotación gandeira en San Vicente de Castillón, unha das parroquias de Pantón nas que os pozos están secos. A súa granxa ten cinco vacas e algunhas ovellas, e precisa entre cincoentos e seiscentos litros de auga cada día.
-Cando lles empezou a faltar a auga?
-O noso pozo, que ten doce metros de profundidade, secou hai dous ou tres meses. Entón pedímoslle a un veciño que está fóra que nos deixase usar un pozo vello que ten na súa casa, pero esa auga tamén se acabou. Entón o Concello empezou a enviar cisternas de auga.
-Élles suficiente?
-Os 4.000 litros que nos traen de cada vez chegannos para tres ou catro días. Tráena os do lume na carroceta e teño que dicir que son moi eficientes. En canto os chamamos para avisar de que quedamos sen auga, veñen axiña. E como é a carroceta municipal, a nós non nos cobran os portes, como lle pasa a algún outro veciño con granxa.
-Esa auga úsana para a granxa e para a casa?
-Basicamente para a granxa. E se sobra dos animais, usámola en ducharnos. Pero teñen que ser duchas moi curtas. E se non, temos que baixar a Monforte a ducharnos na casa da miña irmá.
-Non ven ningunha alternativa a esta situación?
-A solución sería que o Concello fixese unha traída pública. De feito, suponse que a querían facer hai dous anos, pero non a fixeron. Nós sempre pagamos os nosos impostos, temos dereito a que nos presten os servizos que precisamos. Ao final, teremos que facer un pozo de cen metros pola nosa conta. Pero iso custa de 8.000 ou 9.000 euros para arriba.