A comarca como aula escolar

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

O SAVIÑAO

ALBERTO LÓPEZ

Reportaxe | O centro Expolemos prepara rutas didácticas para o novo curso O patrimonio histórico, os oficios tradicionais e os recursos económicos locais son algúns dos temas nos que se basean os itinerarios, que serán ampliados en breve

25 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

? pazo de Muíños de Antero, aberto recentemente ás visitas turísticas, é por agora o último lugar de interese histórico incorporado ás rutas didácticas do centro comarcal Expolemos. Por sexto ano consecutivo, as promotoras do centro preparan unha serie de itinerarios escolares gratuítos que xa están a ser ofrecidos ós colexios da comarca, de toda Galicia e doutras comunidades. A oferta será ampliada en breve con novos espacios e novas actividades que aínda están en fase de estudio. Durante o último curso escolar, o centro Expolemos guiou cerca de vintecinco excursións escolares, dándolles a coñecer ós rapaces -naturais da comarca e foráneos- aspectos moi variados da Terra de Lemos. As rutas son de carácter temático e poden ser modificadas ou combinadas de acordo coas suxerencias dos centros escolares que as soliciten. Os itinerarios baseados no patrimonio histórico e paisaxístico discorren por lugares como o conxunto monumental de San Vicente do Pino, o Colexio da Compañía, o Museo de Arte Sacra, o pazo de Muíños de Antero, o convento de Ferreira de Pantón ou a igrexa románica de Eiré, e probablemente incluirán tamén ó museo de Arxeriz, no Saviñao, cando este abra as súas portas. Outros percorridos dedícanse ós oficios tradicionais e pasan polos obradoiros de olería de Gundivós, a antiga ferrería de Penacova ou un muíño fariñeiro de Ribas Pequenas. A oferta inclúe asimesmo rutas centradas nos recursos económicos locais e neste caso, os lugares visitados van desde fábricas de calzado, ladrillos e productos alimentarios ata unha piscifactoría, pasando por adegas e aserradoiros e polo viveiro forestal dos Trollos. O planetario do instituto da Pinguela, o Museo do Ferrocarril, os catamaráns turísticos da Ribeira Sacra e varias rutas de sendeirismo son outras alternativas que ofrecen estes programas. As rutas combínanse con obradoiros educativos que se desenvolven no centro comarcal e nos cales os rapaces poden participar en actividades e xogos que teñen relación cos lugares visitados. Para preparar estas rutas, as promotoras do centro -María Abuín, Marifé Martínez e Mayma Fernández- non só teñen que ter conta o interese educativo que poidan ofrecer os lugares visitados. «Hai que buscar sitios con suficiente espacio, porque os grupos nunca baixan de trinta nenos, e os percorridos non deben ser demasiado longos, porque se non, os rapaces acaban por cansarse», explican.