Non creo que fose certo ese conto que anda por aí do ovo de Colón, pero está moi ben para explicar como as solucións máis doadas sempre son as que lle pasan desapercibidas á xente, por simples e elementais. Tampouco deixa de ser unha brutalidade a tal solución, seguramente inventada por alguén que lle quería mal a don Cristovo. Á fin, esa lenda non é máis ca unha variante da do nó gordiano, de cando Alexandre Magno, para demostrar que era o prometido líder de Frixia, segundo os augures, se enfrontou ó reto de desfacer o nó con que Gordio ataba o xugo do seu carro: cun simple golpe de espada.
Acordáronme estas anécdotas mirando unha imaxe de Nosa Señora do Incio, co seu neno no colo, ó que está aleitando ó tempo que lle fai cóxegas no pé, porque nesta imaxe, tamén a Virxe bota man dun truco, simple pero eficaz, para entreter ó fillo e facelo mamar, pero sen o radicalismo nin a brutalidade daqueles.
A sabedoría popular sempre ten algún recurso para cada situación. Xulio ensíname dous andeis de libros de etnografía dedicados a todo tipo de remedios que, a verdade, non todos me atrevo a poñer en práctica, aínda sabendo que nalgunha ocasión foron a solución a un catarro, a unhas frieiras ou a esa paletilla caída que nin os médicos con carreira saben onde está, pero os entendidos en anatomía especificamente galega poñen no seu sitio cun simple ensalmo. Logo, se o enfermo non curaba, era que non estaba de Deus. Hoxe a culpa sempre a levan os matasáns.
A sabedoría popular transmitiuse de boca a orella, de tal maneira que, cando algo daba resultado, corríase o conto para que se seguise aplicando, ata que as ciencias da etnografía entraron na universidade, e entón, xa se empezaron a recompilar aqueles remedios, que se analizaban para ver que había en cada un de acertado ou non. Custou traballo erradicar algunhas prácticas que só servían para perder o tempo, pero finalmente semella que a ciencia empírica vai triunfando sobre a teórica do «proba a ver que tal». Certo que os nosos paisanos non tiveron a posibilidade, ou a idea, de recoller toda esa sabedoría en papel escrito ata ben entrado o século XIX, o cal non significa que fosen analfabetos; as formas de expresión, por sorte, son múltiples e variadas e para exemplo aí están iconografías -como esta Virxe do Incio- que, con toda a naturalidade do mundo, poñen diante de nós a unhas divindades cheas de humanidade, cos seus problemas e as súas específicas solucións.
O que conta a delicada peza desa Virxe co Neno da igrexa de Hospital do Incio, é moi simple. A nai ten un crío que non lle mama, que non se alimenta, un rapazoliño revoltoso, arrimado ó peito pero mirando para outro lado, despistado, a quen ela ten que entreter para, entre risas e palmas facelo mamar, e para iso bota man dun remedio eficaz. Podía contarlle un conto, ou xogar con el ó avión con forma de culler que vén polo aire e se lle mete na boca, pero nin as estatuas falan nin naquel tempo había avións, polo que o artista solucionouno poñendo á nai a facerlle cóxegas no pé do neno co fin de distraelo, facelo rir e, no despiste, meterlle o peito na boca para que mame. Como faría calquera nai.