Baamorto, un monumento excepcional

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

O INCIO

ALBERTO LÓPEZ

Unha igrexa parroquial monfortina é a única de Galicia que conserva pinturas murais no exterior O templo foi decorado no século XVI polo anónimo Mestre de Nogueira

04 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

?ese a que foi restaurada hai varios anos e a que ofrece unhas características excepcionais, a igrexa da parroquia monfortina de Baamorto segue a ser moi pouco coñecida, incluso para moitos veciños do municipio. Ademais do seu notable interese arquitectónico, este templo é o único de Galicia que conserva pinturas murais no exterior. Trátase dunha serie de imaxes que reproducen diferentes escenas da Paixón de Cristo, acompañadas de cartelas con pequenos textos que explican o contido das pinturas. O historiador José Manuel García Iglesias considera que este mural foi pintado na década de 1560 por un artista anónimo coñecido como o Mestre de Nogueira. Na mesma época, este pintor realizou tamén os murais das igrexas chantadinas de Nogueira -de onde ven a súa denominación- e San Miguel do Monte, a de Ribas Altas, en Monforte, e a de Entrambasaguas, en Guntín de Pallares. Estas outras obras, sen embargo, foron feitas nos muros internos das igrexas. A conservación do mural de Baamorto debeuse á singular arquitectura da igrexa, provista dunha galilea ou porche, asentado sobre columnas de estilo dórico, que protexe a fachada principal e o muro sur. O feito de que as pinturas permanecesen tapadas con cal durante moito tempo tamén axudou sen dúbida a evitar a súa desaparición. O presidente da Asociación de Amigos do Patrimonio de Lemos, César Carnero, opina que o mural non corre risco de deteriorarse. «As pinturas foron ben consolidadas polo equipo que traballou na restauración e están ben defendidas do sol e da chuvia polo porche, de maneira que o único perigo que lle podería vir sería o dunha agresión vandálica», explica. García Iglesias cualifica ó Mestre de Nogueira como un dos máis destacados muralistas galegos da súa época e afirma que no estilo das súas obras -clasificado na corrente maneirista- pódese percibir a influencia das fórmulas establecidas polo célebre artista Miguel Anxo. A igrexa, de estilo oxival con algúns restos románicos, foi reformada nos séculos XVII e XVIII e formou parte dun priorado da Orde de San Xoán de Xerusalén dependente da encomenda do Incio.