O libro chega a Pobra

La Voz

O INCIO

Un grupo de alumnos do colexio público de Brollón escribiron un novo capítulo da «Historia de Lemos», a iniciativa que promove o centro comarcal

27 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Alumnos do colexio público de Pobra do Brollón -B enito , Óscar , Daniel , Verónica , Romina, Ana, Jessica , Diego , Jorge , Raquel , Daniel Rivera y María - escribiron este capítulo da Historia de Lemos que organiza o centro comarcal Terra de Lemos. «Mergullados entre as tebras da noite, e guiados polos arrepiantes grallos dos paxaros prateados, as escuras sombras dos Ianqs achegábanse sixilosamente ó Castro de Bustelo. Eimer, o seu amigo Cernún e o mago Fins apresuráronse a repartir entre tódo-los seus amigos as agrilas, o froito da invisibilidade. Cruzaron as terras de Canedo e Óutara, cara a Viduedo, e alí, ó amencer, refuxáronse na Cova das Choias, pois o efecto das agrilas desaparecía coa luz do sol. Sentíanse seguros, pois os Ianqs descoñecían que ruta seguirían e tamén porque estaban na terra dos Guímaros, unha tribu temida e respetada incluso polos Ianqs. Disque no pasado, durante a idade da escuridade, cando os Ianqs dominaban toda a bisbarra, sembrando o terror e a desolación, o rei guímaro e os seus notables, reúnidos baixo a sombra do piñeiro de Brollón, decidiron rebelarse contra aqueles seres malvados e crueles, a pesares da súa inferioridade en número e armamento. A súa valentía foi a semente que xerminou máis tarde na revolta de tódalas tribus de boa fe do Val dos Lemavos e acabou coa tiranía e a opresión dos Ianqs. Por medio da águia Luma enviaron unha menxase a Golmar, rei dos Guímaros, quen enviou ós guerreiros da garda real para escoltar ós Xacios ata a cidade de Miraflores, capital do seu reino. Dita cidade estaba situada no Lugar dos Medos, onde séculos antes houbera as máis productivas minas de ouro da comarca. Alí foron recibidos coa hospitalidade típica dos lugareños e sentíanse tranquilos e seguros. Catro Cabaleiros O rei Golmar enviou a águia Luma e a duas choias domesticadas da fauna real cunha mensaxe convocando ós reis Inexus do Caurel, Argerico de Samos e Mahamud do Incio a unha reunión na pena dos Catro Cabaleiros, lugar na cima da Serra da Trapa onde confluían os catro reinos. Alí, sentados os catro reis nos seus respectivos tronos de pedra, e despois de catar nos cálices de ouro o aromático viño de Vilachá, foron informados polo mago Fins e o príncipe David do seu accidentado periplo pola bisbarra fuxindo dos señores da guerra, e do perigo que ameazaba a todos os homes de ben se os Ianqs acadaban os seus escuros propósitos. Os reis encomendaron ó mago Fins e o príncipe David a misión de percorrer os reinos de Samos, Incio e Caurel buscando homes para reunir un poderoso exército co fin de enfrentarse ós señores da guerra. Namentres, o rei Golmar deu orde de que tódo-los ferreiros e carpinteiros do seu reino se puxeran a traballar día e noite forxando espadas, lanzas, e outras armas. As ferrerías da Pena das Pombas en Lor, a de Loureiro preto de Salcedo, as de Forgas e Veneira, as de Ferreirúa e Ferreiros, e todas as demáis do reino, comezaron a traballar sen descanso na laboura encomendada polo seu rei. O día da "Gran Batalla" achegábase e tiñan que estar preparados. Mentres isto sucedía na pena dos Catro Cabaleiros, os Ianqs atoparon unha inesperada e perigosa aliada na meiga de Domiz. Enterada da chegada dos Xacios a Miraflores, e coñecendo a ausencia do mago Fins, a quen odiaba pola envexa da súa maxia máis poderosa, enfeitizou ás formigas da chaira de Cereixa e Eixón, e enviounas contra a cidade. Os habitantes da cidade, tiveron que abandoar as súas casas e colleitas, e trasladáronse a un outeiro sito entre os ríos Saa e Rubín para protexerse da praga de voraces formigas. Alí acudiron tódo-los canteiros das aldeas veciñas e edificaron unha nova cidade, a que chamaron, pola súa ubicación Pobra de Entrámbalas Dúas Augas. O río de Saa Na nova cidade, a vida transcorría prácida e serena. Eimer gozaba bañándose nas cristalinas augas do río Saa na compaña de Cernún, aínda que as veces sentía celos ó ver como este miraba a Zoura, a filla dos Marqueses de Bóveda. Pero cada día que pasaba chegaban novas mais inquedantes. Os Ianqs facían contínuas incursións polas cercanías, sembrando a desolación e o caos; e en tóda-las tabernas e corredoiras, falábase do poderío do exército que estaban a formar e da crueldade destes malvados senores da guerra. Nembargantes, non chegaba ningunha noticia do mago Fins e do príncipe David. O rei Golmar estaba preocupado e decidiu enviar a Eimer e Cernún en busca de Fins e do príncipe. Unha mañá, cando o sol asomaba os seus longos cabelos no horizonte, Eimer e Cernún saíron de Miraflores no lombo de Bern, o cabalo branco, na búsqueda do mago Fins e ....».