Teatro para para persoas xordas e cegas en Monforte

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

Un momento da representación da obra «Helen Kelller, a muller marabilla?», pola compañía Chévere Teatro
Un momento da representación da obra «Helen Kelller, a muller marabilla?», pola compañía Chévere Teatro SABELA EIRIZ

A compañía Chévere representa este xoves no edificio multiusos a obra «Helen Kelller, a muller marabilla?»

03 dic 2025 . Actualizado a las 17:16 h.

 A compañía Chévere Teatro representará este xoves no auditorio do edificio multiusos de Monforte a obra Helen Kelller, a muller marabilla?, que presenta a peculiaridade de que é interpretada en ao mesmo tempo en lingua oral e en lingua de signos, polo que tamén é accesible para o público xordo. A función conta ademais cun servizo de audiodescrición. As persoas xordocegas que queiran asistir á función poden solicitar previamente material de apoio á concellería de Cultura. Así mesmo, as persoas con discapacidade visual terán acceso a un percorrido táctil polo escenario unha hora antes da función a fin de poder recoñecer o espazo e tocar elementos da escenografía e o vestiario guiados polas propias actrices que interpretan a peza. Para isto poden solicitar unha praza na concellería de Cultura.

A peza, dirixida por Xrom, é interpretada por Patricia de de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez de Vallejo. A obra baséase na historia real de Helen Keller, a primeira persoa xordocega que obtivo un título universitario en Harvard —no ano 1904—despois dun proceso de aprendizaxe de sete anos. Segundo indican desde a compañía Chévere, nos últimos anos está a espallarse polas redes sociais «unha campaña que afirma que os logros de Hellen Keller son falsos» e que incluso se organizou unha iniciativa a través da plataforma Change.org «para eliminala da historia». Desde o grupo teatral engaden que «este negacionismo actual desencadea a curiosidade necesaria para abordar a súa historia e compartila co público».

A representación comezará ás 20.15 horas. O prezo xeral da entrada é de cinco euros e redúcese a tres para os desempregados, xubilados e estudantes. A función forma parte do ciclo de teatro para adultos que organiza o Concello de Monforte e está coordinada pola concellería de Muller e Igualdade a través do Centro de Información á Muller dentro das actividades conmemorativas do día mundial contra a violencia sexista.