O mínimo para que poidamos vivir en Pantón

Rosa Ana Prieto

MONFORTE DE LEMOS

Aldea de  Míllara, rehabilitada en la ribera del Miño en Pantón
Aldea de Míllara, rehabilitada en la ribera del Miño en Pantón CARLOS RUEDA

19 may 2022 . Actualizado a las 14:40 h.

Opasado verán causaba baixa no centro médico de Ferreira unha médica de familia por xubilación, e nos vindeiros días outra doutora deixará de traballar no citado centro. En menos de catro meses, pasaremos de ter catro a dous médicos para cubrir unha poboación de 2.457 habitantes espallados en case 150 quilómetros cadrados e cunha elevada media de idade, o que obriga a estes profesionais a realizaren consultas domiciliarias nun concello que leva unha hora atravesar. Se non o remediamos, quedará durante un tempo prolongado un só médico no centro de saúde para atender aos pacientes que alí acudan.

Os plans da Consellería de Sanidade a medio e longo prazo para o Centro de Saúde de Pantón terán que se abordar dende a serenidade, con criterios sociais e sanitarios. Tamén coa racionalización dos recursos, pero dende o valor supremo do dereito á sanidade pública vivamos onde vivamos. Isto require un dilatado e debate calmo que conclúa nunha planificación que asegure o dereito universal á saúde. Mais no tempo presente, no agora, é urxente unha mobilización para reter a praza que deixa a doutora que se traslada e que debe ser cuberta de maneira inmediata porque a súa supresión confirmará o peor dos diagnósticos: ir recortando para ir pechando. O que suporá que non teremos a mesma atención en Pantón ca noutros lugares.

Cónstame que a gravidade pálpana máis os facultativos que quedan e os pacientes das doutoras «que se van», pero esta é unha loita de todos na que xuntos temos que reivindicar unha atención sanitaria digna, pública e de calidade. A maiores do custo socioeconómico para o noso concello. Señorías do Goberno galego, competentes na materia, non estamos ante un caso mediático, nin se xogan aquí os deputados por Lugo. Pero somos persoas na periferia dunha provincia que temos a UCI da nosa área sanitaria en Lugo, a máis dunha hora de viaxe.

Hai quince anos, ademais de termos especialidades no Hospital de Monforte -antes área sanitaria- podíamos elixir ir a Ourense ou a Lugo. Agora que xa non temos nin urxencias de tarde en Pantón, nin especialidades preto, con máis idade ca antes, collen e suprimen dúas prazas de médico no noso concello. Isto merece cando menos, unha reconsideración. Dende a humildade, pero coa firmeza que dá sentirse coa razón, esiximos dende Pantón que antes de causar baixa efectiva a médica que se traslada sexa cuberta a súa praza, porque outra medida non será entendida. Fagan que vivir aquí non sexa peor ca noutros lugares.