Os promotores do concerto pensan organizar máis actividades
04 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Millares de persoas abarrotaron o vernes pola noite o recinto deportivo do colexio dos Escolapios para asistir ao concerto gratuíto da orquestra Panorama que organizaron varios empresarios de Monforte. Segundo explica Pedro Rey Pérez -que promoveu a actuación xunto con Diego Pérez-, os propios músicos calcularon que nos momentos de maior afluencia puido haber máis de 7.000 persoas reunidas no lugar.
A actuación comezou sobre as once e media da noite e terminou cara ás tres e cuarto da madrugada. Polo medio houbo unha pausa de cerca de tres cuartos de hora. Os organizadores despacharon durante ese tempo unha grande cantidade de bebidas e refrescos en dúas barras que instalaron no recinto. «Ao principio pensáramos colocar unha barra máis, pero despois non nos animamos porque durante o día o tempo non presentou moi boa cara e temimos que nos estropease un pouco a festa», explica Rey. Pero a meteoroloxía finalmente respectou o espectáculo e a chuvia só comezou despois de terminada a actuación.
Moito máis do previsto
En todo caso, a afluencia de público superou amplamente as previsións dos organizadores, que esperaban reunir entre 2.000 e 3.000 persoas. «Estamos moi contentos do resultado e en en vista do éxito xa estamos pensando en facer máis cousas ao longo do ano, como unha festa da xuventude e unha festa gastronómica», sinala Pedro Rey. «Pero iso xa o iremos vendo máis adiante», engade.
Ademais de Pedro Rey e Diego Pérez, que foron os principais promotores, na iniciativa tamén colaboraron outras persoas, incluídos algúns empresarios de sectores diferentes ao da hostalería. «Queremos expresar o noso agradecemento a toda a xente que nos axudou -di Rey Pérez a este respecto-, pero temos que dicir tamén que nos sorprendeu un pouco a falta de colaboración que houbo por parte dalgúns negocios de hostalería, incluso de zonas próximas ao lugar da actuación, que non só non quixeron axudar senón que ademais mostraron desagrado con esta idea».
En canto á posibilidade de organizar actuacións musicais desde o sector privado para enriquecer o programa das festas patronais -moi decaído debido aos recortes orzamentarios do Concello-, os promotores do concerto da Panorama opinan que nese terreo «poderíanse facer moitas cousas». Non obstante, pensan que aínda é demasiado cedo para trazar proxectos nese sentido. «Primeiro temos que coller máis experiencia e despois xa veremos», conclúen.