A interpretación completa das pezas musicais recollidas no libro I lieti giorni di Napoli , segundo indica Fernando Reyes, podería requerir entre unha hora e unha hora e media, isto é, a duración habitual dun concerto deste tipo. Os integrantes de Resonet barallan a posibilidade de engadir a este repertorio a mencionada peza La Morenigna de Trabazzi, igualmente relacionada coa actividade musical dos condes de Lemos. Tamén pode ser, por outra parte, que Monforte acolla o ano próximo máis dun concerto para dar a coñecer estas antigas composicións.
En canto aos posibles escenario para o concerto, Reyes sinala que en Monforte hai varios lugares que ofrecen bastante interese neste sentido. «O ideal sería interpretar esta música no antigo palacio dos condes de Lemos, onde probablemente se tocaron algunhas desas pezas no século XVII, pero alí pode haber algúns problemas de sonoridade debido aos tabiques que se fixeron cando se restaurou o edificio», apunta. Outro lugar moi adecuado, ao seu parecer, sería o claustro maior do Colexio do Cardeal, que foi escenario de representacións teatrais promovidas polo conde Pedro Fernández de Castro e que talvez tamén acolleu concertos nesa mesma época. Reyes pensa que tamén sería interesante tocar esta música na igrexa de Nosa Señora da Antiga ou nalgún outro templo da cidade. «Trátase de pezas de música profana, pero nesa época non se facían moitas diferenzas entre as celebracións de carácter profano e relixioso, polo que un escenario deste tipo non sería inadecuado, e ademais esas igrexas presentan unhas condicións de sonoridade magníficas», explica.
Instrumentos
Entre os instrumentos que se empregarán para recrear estas pezas, Fernando Reyes menciona a viola da gamba, a harpa, a guitarra barroca e o clavicémbalo. Estúdase así mesmo utilizar un instrumento de corda pulsada chamado colascione , moi típico da tradición musical napolitana.
O proxecto de edición dun disco para recoller e divulgar este patrimonio musical case descoñecido, por outro lado, contará moi probablemente co apoio da Universidad Internacional Menéndez Pelayo, pero tamén cabe a posibilidade que colaboren na iniciativa o Concello de Monforte ou algunha outra institución.