TRIBUNA | O |
09 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.DOS 27 mananciais existentes no municipio de Monforte, 23 non valen actualmente para beber, segundo os servizos sanitarios do Concello. Un índice de contaminación máis que considerable, que dá bastante que pensar e que demostra que o medio ambiente, nestas terras, está aínda máis emporcallado do que parece á primeira vista, que non é pouco. Que presenten semellante estado unhas fontes que proporcionaron auga potable aos veciños desde tempo inmemorial só pode significar que algunhas cousas se están a facer aquí moi malamente. Non se pode aceptar polas boas, como se se tratase dunha catástrofe natural ou dunha fatalidade irremediable, que os nosos solos estean a padecer tales niveis de sucidade. Mentres se anuncian rimbombantes proxectos de preservación do medio ambiente -como a famosa Rede Natura-, mentres se multiplican os sistemas de detección da contaminación, o certo é que cada vez temos menos ríos e arroios aptos para o baño e menos fontes aptas para beber. Non conseguimos industrializarnos, apenas temos fábricas, pero curiosamente, obrígannos a vivir nun medio cada vez máis degradado. E o peor é que esta situación non é exclusiva de Monforte nin moito menos.