Historia sepultada

MONFORTE DE LEMOS

A TRIBUNA | O |

01 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTE MES cúmprense nove séculos desde que Monforte recibiu a carta de fundación outorgada polo rei Afonso VI. Os historiadores confesan saber bastante pouco sobre os tempos iniciais da cidade, porque os documentos históricos escasean e porque no núcleo primitivo de San Vicente do Pino nunca se fixo unha excavación arqueolóxica en profundidade. En realidade, o pouco que se levou a cabo neste terreno foi feito hai unhas semanas. Un traballo de dimensións bastante modestas que, non obstante, xa conseguiu sacar á luz importantes vestixios da comunidade monástica en torno á cal foi formándose a poboación na alta Idade Media. Non hai dúbida de que se se excavase sequera un pouco máis, non tardarían en saberse cousas de moito interese sobre a historia da cidade e da comarca. Porén, os traballos arqueolóxicos encargados por Turespaña non parece que vaian ir moito máis lonxe do que xa foron. Os restos históricos que acaban de exhumarse serán consolidados e axardinados, converténdose nun novo atractivo cultural e turístico. Pero boa parte da historia de Monforte, iniciada hai novecentos anos, seguirá por agoa durmida e sepultada.