A TRIBUNA | O |
28 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.TANTO TEMPO lamentando que Monforte non tivese ningún peso político, ningún espacio nos grandes debates públicos autonómicos ou estatais, ningún protagonismo en practicamente nada... E de repente, a consecuencia dun resultado electoral inesperado, o municipio sae do anonimato gris e vese catapultado á celebridade. Desde o domingo, o nome de Monforte corre de boca en boca por toda Galicia e ata traspasa as súas fronteiras. Os nomes e apelidos dos políticos locais -antes coñecidos só polos seus veciños- saen a relucir en todas as conversacións que se tecen polo país adiante, desde as sedes das máis altas institucións ata as máis humildes tascas e barberías. Por todas partes fanse cábalas e formúlanse hipóteses sobre as negociacións e manobras que se urden á beira do Cabe. Non se sabe que consecuencias pode traer a incerta situación política que vive o municipio, pero está claro que as urnas conseguiron para Monforte máis publicidade que a que podería lograr calquera departamento de promoción turística. O novo goberno local, sexa cal sexa, debería estudiar algunha forma de facer rendible esta fama para ben de todos.