Alexandre Varela, historiador: «Durante a Transición, Chantada destacou pola mobilización agraria»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Alexandre Varela ensina no instituto Río Cabe de Monforte
Alexandre Varela ensina no instituto Río Cabe de Monforte CEDIDA

Varela é autor dun estudo premiado no certame Condado de Pallares

05 nov 2025 . Actualizado a las 11:28 h.

Profesor de ensino secundario no instituto Río Cabe de Monforte, Alexandre Varela Rubín (Taboada, 1998) acaba de gañar a 19 edición do premio de investigación Condado de Pallares por un estudo histórico sobre a Transición política na comarca de Chantada. Será o seu primeiro traballo que apareza en forma de libro, aínda que antes tamén publicou algúns estudos na revista especializada Mazarelos.

—O feito de realizar este estudo está relacionado coa circunstancia de que agora se cumpren 50 anos da morte de Franco?

—A verdade é que foi unha coincidencia. No estudo case nin menciono a morte de Franco, que sen dúbida foi un feito histórico importantísimo, e centreime nos procesos que se deron nos municipios desta comarca. Comecei a elaborar este estudo no 2022 a raíz dun traballo de fin de máster na Universidade de Santiago, pero non o terminei ata este ano porque mentres tanto parei por motivos persoais, para preparar unha oposición.

—O seu traballo abrangue o período de 1973 a 1983. Por que razón escolleu esa etapa?

—Escollín ese período porque crin necesario falar tamén da última etapa da ditadura. Houbo certa continuidade entre os últimos anos do franquismo e o que sucedeu despois, e por iso considerei que debía comezar o estudo antes da morte de Franco. O réxime xa se viña preparando para un cambio que se vía vir. O período de investigación termina en 1983 porque nese ano celebráronse as segundas eleccións municipais democráticas e entón xa pode darse por completada a Transición, despois da vitoria electoral de Felipe González en 1982.

—En que medida considera que houbo unha continuidade?

—Houbo persoas que xa ocupaban cargos oficiais no franquismo e que o seguiron facendo despois das primeiras eleccións democráticas. Por exemplo, José Regal, que fora alcalde de Chantada no franquismo e despois seguiu ocupando o cargo coa UCD [Unión del Centro Democrático]. Diría que nesta comarca reproducíronse esquemas moi similares aos doutras partes da provincia da Lugo no sentido de que houbo un predominio do centrodereita, da UCD, que despois herdarían Alianza Popular e o Partido Popular. En Taboada houbo certa renovación, porque a xente que formou a UCD no municipio era conservadora pero non estaba vinculada ao franquismo.

—Houbo aspectos especiais que diferenciasen aos concellos da comarca de Chantada doutras partes do interior de Galicia?

—Un aspecto que me pareceu moi interesante é que o municipio de Chantada destacou especialmente polas mobilizacións agrarias. Nesa época houbo moita actividade nese sentido, iniciativas como as tractoradas... O municipio de Taboada, en cambio, non se viu tan afectado por esas mobilizacións. Nese aspecto, Chantada foi un dos municipios máis activos da provincia de Lugo durante a Transición.

—Falou con moita xente que viviu esa época?

—Si, entrevistei a xente como Víctor Manuel Vázquez Portomeñe e o actual alcalde de Carballedo, e tamén a moitas outras persoas que foron rexedores e concelleiros nesa etapa, a militantes nacionalistas, sindicalistas... Busquei os testemuños de persoas de todas as tendencias políticas para ter unha visión o máis ampla posible.

—Baseouse noutros estudos históricos sobre esa etapa histórica?

—Para min foi unha referencia importante David Lanero, que dirixiu o meu traballo de fin de máster na USC e ten realizado estudos importantes sobre a historia das cámaras agrarias e o sindicalismo. Para este traballo foime tamén de moita axuda Fernando Carlos Varela, un investigador local da comarca.

«Non puiden estudar o arquivo municipal de Carballedo porque ardeu en 1977»

Para preparar o seu estudo, Alexandre Varela consultou documentos conservados en diferentes arquivos, ademais de recorrer a outras fontes documentais.

—Resultáronlle útiles os arquivos municipais da comarca?

—Estudei os dos concellos de Chantada e Taboada, pero non puiden facelo co de Carballedo, porque ese arquivo ardeu en 1977 durante un dos episodios de violencia que se produciron nesa época polo conflito que explotou coa cuestión do traslado da capitalidade municipal. As causas dese incendio aínda non están claras hoxe. Ese episodio repetiuse en 1990, cando a casa consistorial volveu ser incendiada, pero o arquivo municipal xa estaba destruído por entón. Foi unha gran decepción non poder estudar esa fonte.

—En en canto aos outros?

—O contido dos arquivos municipais é limitado, non só no caso destes concellos, porque só hai libros de actas e pouco máis. Puiden conseguir información deses documentos, pero foi máis importante a que obtiven doutras fontes, como o arquivo provincial. Tamén consultei moito as hemerotecas. Pero para min o máis interesante desta investigación foi facer entrevistas.

—O xurado do certame Condado de Pallares resaltou a abundancia de material gráfico no seu estudo.

—Si, incluín todas fotografías o que puiden reunir e que me pareceron de interese para este traballo. As imaxes que figuran no libro proceden de varias fontes, das hemerotecas e tamén de cesións particulares.