Chantada organiza a súa programación para o 25N co foco na educación contra as violencias machistas

La Voz MONFORTE / LA VOZ

CHANTADA

Un dos actos organizados polo Concello de Chantada para conmemorar o 25N é unha exposición no auditorio municipal
Un dos actos organizados polo Concello de Chantada para conmemorar o 25N é unha exposición no auditorio municipal CONCELLO DE CHANTADA

O Concello reparte carteis conmemorativos que son obra do artista local Jon González

04 nov 2025 . Actualizado a las 17:29 h.

O Concello de Chantada, a través da concellaría de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), presentou a programación con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro. Baixo o lema Chantada contra as violencias machistas, Súmate!, a campaña inclúe contacontos, charlas, exposicións e talleres de sensibilización dirixidos a distintos públicos, co obxectivo de «visibilizar as desigualdades de xénero para corrixilas», facendo especial fincapé na educación como base para unha sociedade libre de violencia.

A concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, destacou o «moi fermoso» cartel da edición deste ano, obra do artista local Jon González e que servirá como eixo dunha «importante campaña visual que invita a todo o mundo a sumarse á loita contra as violencias». O cartel distribuirse en asociacións e establecementos de hostalaría, entre outros, para que o 25N estea presente nas portas de medio municipio

O alcalde Manuel Varela e as concelleiras Pamela Fernández e Belén Vázquez Caseiro, co cartel municipal do 25N deste ano, obra de Jon González
O alcalde Manuel Varela e as concelleiras Pamela Fernández e Belén Vázquez Caseiro, co cartel municipal do 25N deste ano, obra de Jon González CONCELLO DE CHANTADA

A programación comeza xa este venres 7 de novembro cunha sesión de contos teatralizada, titulada Daniel e Daniela, a cargo de Trémola Teatro, dirixido a nenas e nenos e que terá lugar na biblioteca pública municipal ás 18.00 horas.

Para o alumnado de secundaria, o Auditorio Municipal acollerá a exposición da Xunta «Á Violencia de Xénero… dille non», acompañada de talleres impartidos pola educadora Paula Santos. Nestas sesións, que se celebran entre hoxe e mañá e nas que participan cen alumnos dos IES Val do Asma e Lama das Quendas, abordarase o impacto das redes sociais nas relacións afectivo-sexuais e na violencia de xénero.

O 19 de novembro, o Auditorio recibirá a obra de teatro Valente e Rebelde, pensada para nenas e nenos de 4 a 7 anos dos CEIP Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo.

Peche cunha charla sobre menopausia

A programación pechará o 8 de novembro cunha charla sobre menopausia, unha demanda recollida entre as mulleres da zona. «Escollemos pechar o 25N abordando esta temática porque a veñen demando moitas mulleres e queremos atender esas inquedanzas», sinalou Fernández.

Como acto central do 25N, ás 12.00 horas terá lugar a lectura do manifesto diante da casa consistorial, nun chamamento público á mobilización contra as violencias machistas.