Fran Vázquez: «Xamais me levei mal con ninguén»

CHANTADA

ACB PhotoE. Casas

Despois de 19 anos na elite, o pivote de Chantada vaise «orgulloso» dunha traxectoria na que «non cambiaría nada»

17 may 2020 . Actualizado a las 15:49 h.

Fran Vázquez (Chantada, 1983) dirá adeus ao baloncesto ao remate da actual tempada. Para o recordo deixa unha longa carreira como profesional, marcada pola súa admirable progresión, os éxitos individuais e colectivos na cancha e as controvertidas decisións que o levaron a ser sinalado como un xogador atípico. O seu benestar e o da súa familia foron sempre a primeira prioridade do laureado xogador galego, que deu cabazas á NBA e, en varias ocasións, tamén á selección española, ante o asombro xeral no mundo da canastra. «Non me arrepinto de ningunha das decisións que tomei», repite en cada entrevista o actual pivote do Zaragoza, que non ten nada claro que vaia poder despedirse como lle gustaría: no parqué e machucando o aro contrario.

-Con todo este grave problema do covid-19 é posible que non goce dunha última ovación.

-Certo. Vai ser difícil que poida xogarse ese play-off, porque o noso traballo non é esencial. Ademais, por moitas medidas que tomemos, sempre haberá risco, porque compartimos balón, hai contacto físico...

 -No seu equipo houbo cinco positivos por coronavirus. Percibe medo pola posibilidade de volver á cancha?

-No club temos un médico que coñece moi ben o que é o covid-19, e estamos ben controlados. Máis ca medo, o que se respira é incerteza, porque non sabemos como vai evolucionar a enfermidade, o protocolo que deberemos seguir... Por moitas probas que nos fagan, risco sempre vai haber. A min claro que me gustaría dicir adeus na pista, pero non vou forzar nada para que sexa así. Non pasaría nada.

-Recibiría infinidade de chamadas desde que anunciou a súa retirada.

-Chamadas, mensaxes... Foi moita a xente que me fixo chegar as súas mostras de agarimo, é non só do mundo do baloncesto. Un xesto que agradezo e que me fai sentir orgulloso.

-Algunha inesperada?

-Non. Con toda esa xente tiven relación nalgún momento da miña vida, e é xente á que admiro. Xamais me levei mal con ninguén.

-Retrocedamos no tempo ata mediados da década dos 90: Chantada e as súas escolas deportivas.

-Aí empezou todo. Eu estudaba no colexio da Barrela, tiña 13 anos e as escolas deportivas de Chantada estaban a promocionarse polos centros para captar rapaces que fixeran deporte. Eu entón xa era alto, medía como 1,90, e intereseime polos deportes aptos para a miña estatura. Recomendáronme o voleibol, o balonmán ou o baloncesto, collín un par de panfletos para ensinarllos a miña nai e ao final optamos polo baloncesto. Empecei tarde, cando só quedaban uns tres meses para o remate da tempada, e non tiña moita idea de como se xogaba.

-Seguro que era o máis alto da clase e do equipo.

-Iso sempre, non só con 13 anos [risas]. Pero xamais me sentín acomplexado.

-Gardará infinidade de anécdotas relacionadas coa súa estatura.

-Si, unhas cantas. As máis simpáticas son nas que hai nenos e a súa inocencia polo medio. Aínda hoxe algún me pregunta pola idade, dígolla e respóndeme: «Es imposible, mi papá es más mayor que tú y es más bajo» [risas].