Os mineiros de estaño do monte Faro

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

ROI FERNÁNDEZ

Un ourensán puxo en marcha nos anos cincuenta en Chantada unha explotación para extraer este mineral

29 sep 2019 . Actualizado a las 08:53 h.

Caíbe é unha aldea da parroquia chantadina de Requeixo que foi testemuña dunha importante actividade mineira na década dos cincuenta do século pasado debido ao descubrimento dun filón de estaño. A explotación foille concedida a un empresario ourensán de apelido Martínez. Nin o Faro de Chantada foi a berciana Peña do Seo, chea de wólfram, nin a cantina do Relojero de Viloira foi o café El Dólar de Ponferrada, pero si é certo que a aldea de Caíbe viviu unha febre do estaño que atraeu a familias de fóra que querían gañar o pan na minería.

Nun enclave privilexiado nas abas do monte Faro e cara ao nacente está Caíbe, unha aldea na que a vida ía como nas demais da contorna, marcada polo compás das estacións e pola emigración sangrante aos países máis industrializados de Europa. Quen lles ía dicir aos veciños deste lugar, a comezos dos anos 50, da chegada de varias familias atraídas pola extracción de estaño promovida pola empresa dun tal Martínez de Ourense. Ocupáronse as fincas por onde ía o filón ou por onde era máis doado acceder a el por medio dunha rede de pozos e galerías escavadas a pico e pa. As Raposeiras, Arnorelle, Penabustelos, Val e A Pía son algún dos nomes destas fincas, nomes que atenden á toponimia local e que en moitos casos cambiábanse no rexistro de Minas por outros como Carmela, Fortuna, Oportunidad…

Un sarillo e unha roldana

María Magdalena Ratón Pereira é filla de José Ratón Ratón, copropietario con Vicente Ratón das Raposeiras, onde estaba a mina central, o pozo e unha caseta almacén que foi derribada haberá dous anos: «Tería eu sete aniños, os rapaces iamos apañar os chispos -seixos con manchas que tiñan boliñas de estaño- porque Claudio, que era o encargado, deixábanos ir xogar e lavar a terra cun cubo e unha palangana», explica.

Se xa o traballo de mineiro era duro e perigoso, no Faro era máis, lonxe de ter montacargas eléctricos e un constante traballo de entibado, os mineiros de Caíbe baixaban á mina descendendo por un pozo redondo e fondo sen máis aparello que un sarillo movido á man a modo de polea. Baixaban metidos nunha caldeira de chapa pendurada dunha cadea para chegar a unha galería case sempre inundada. Por esas inundacións era preciso furar máis abaixo da ladeira para facer túneles de evacuación de auga que aínda hoxe se poden ver ao pé do camiño da Lence.

Moitos traballadores que chegaron a Requeixo traían a familia e alugaron vivendas no lugar de Fontela ao carón da igrexa, no Campo e máis na Lence. Había mineiros, contables e encargados. O encargado Claudio tivo a iniciativa filantrópica de darlles clases particulares na aldea de Viloira aos rapaces de Requeixo, mellorando o seu nivel de matemáticas e aumentando así o dos alumnos que tamén ían a maiores á escola normal da parroquia, que estaba na aldea de Eiravedra. Os pais destes alumnos souberon corresponderlle a Claudio pagándolle en especies polo seu labor.

Bromas explosivas

María Magdalena aínda garda na memoria anécdotas daquel tempo. Como o a broma, perigosa, que lle fixeran uns traballadores a outro compañeiro: «A un que quedou dentro do pozo queimáronlle unha mecha coma quen que ían barrenar, saíu como puido asustadísimo». Ao rematar a xornada, un traballador quedaba encargado de pechar a boca do pozo cun portón e un candado. Por ese labor era sempre o último en marchar e non lle gustaba ter que quedar máis tempo do que tiña no seu horario; sempre tiña que berrar pola entrada da mina para chamar por outro compañeiro que se retrasaba facéndolle perder máis tempo. Dunha vez, cansado desta espera este encargado do peche da mina, argallou con outros unha voadura en falso. Prendéronlle lume a un trozo de mecha sen cartucho e subiron ao precario ascensor para deixalo só e á súa sorte e facerlle crer ao rezagado de sempre que os demais saíran porque ía haber unha explosión en pouco tempo. Este, ao darse conta, escapou de tal xeito á boca do pozo que non volveu quedar facendo traballo de máis.

Cómpre ter en conta a precariedade da rede de galerías debido á pouca consistencia do terreo, agravada pola gran cantidade de auga que nacía e que era preciso evacuar para poder entrar a traballar nas estreitas galerías das que non sabemos como estaban entibadas, se é que o estaban.

Un accidente que se produciu de noite foi o detonante do peche definitivo da explotación

A fin da explotación chegou, segundo contan os veciños de Caíbe, por un afundimento que ocorreu probablemente pola noite nas Raposeiras onde estaba tamén o almacén, librando dunha desgraza ao grupo de mineiros que estivesen dentro. Comezar de novo outra perforación e escavación era xa moi custoso para o estaño que se extraía. Iso non entraba nos plans de Martínez, que deixou alí enterrados, a varios metros de profundidade, ferramentas perforadoras e compresores.