Un grupo de veciños abriu un centro onde se pode doar, prestar e trocar artigos de uso diario
02 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Desde hai arredor dun mes, os baixos da praza de abastos de Chantada acollen unha singular iniciativa de solidariedade social promovida por varios veciños da localidade. Trátase dun espazo habilitado para a doazón, o préstamo e o troco de artigos de uso diario, creado para beneficiar a familias e persoas en situación de necesidade. O local, denominado O Recuncho Solidario,
foi preparado polo Concello a petición deste colectivo -que se define como rede de apoio social- e xa recibiu numerosas visitas desde a súa apertura, tanto de usuarios como de persoas dispostas a doar ou prestar materiais.
Os promotores precisan que o local non consiste nun mercado e que non hai ningún movemento de diñeiro. Segundo os casos, os bens poden cederse gratuitamente de forma permanente, prestarse por un tempo ou trocarse por outros artigos. A primeira modalidade úsase sobre todo para a roupa e o calzado, aínda que tamén cabe a posibilidade de solicitar traxes prestados para asistir a festas e outras celebracións. As outras aplícanse principalmente a utensilios domésticos e outros materiais reutilizables. O obxectivo da iniciativa non é só prestar apoio a quen o necesite, senón tamén fomentar a reciclaxe e a reutilización dos bens de consumo.
Taboleiro de avisos
O local conta por outro lado cun taboleiro onde os usuarios e doadores poden indican o que necesitan, o que doan ou que ofrecen en préstamo. O Recuncho Solidario abre os martes de 17 a 19 horas e os xoves de 11 a 13. Tamén funciona os últimos sábados de cada mes co mesmo horario dos xoves.
O proxecto conta co apoio de diversos veciños de Chantada que colaboran desinteresadamente. Entre eles está un carpinteiro que elaborou un letreiro para sinalizar o local. Algúns comercios do municipio, pola súa parte, achegaron perchas e caixas.
Ata o momento a iniciativa non foi moi publicitada, a pesar do cal xa conseguiu un amplo seguimento. O Recuncho Solidario conta cun perfil en Facebook e os promotores esperan dalo a coñecer tamén mediante a edición de folletos e outros medios. Así mesmo, pretenden ampliar máis adiante o proxecto con outras actividades que por agora están en estudo.