Chantada conta cunha réplica máis exacta dunha imaxe relixiosa do século XIII desaparecida nun incendio en 1999
16 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.A Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada presentou o pasado domingo, nun acto cultural celebrado na igrexa de Santa María de Pesqueiras, unha réplica da imaxe da Virxe sedente do século XIII que se gardou en tempos neste templo e que desapareceu nun incendio en 1999. O Concello de Chantada xa encargara hai anos unha copia da imaxe perdida, pero a asociación considera ese traballo pouco satistactorio e por iso decidiu promover a elaboración dunha nova réplica.
A obra foi realizada pola artista abulense Ana Sastre baseándose en documentos gráficos e informacións que lle proporcionaron os membros da asociación. Os representantes do colectivo consideran que o traballo reproduce fielmente a imaxe orixinal tanto nas súas dimensións como na talla e nos detalles da policromía. A escultura quedarase en Chantada, pero aínda non está decidido se a adquirirán os veciños da parroquia de Pesqueiras -que xa expresaron o seu interese por conservala- ou ben a asociación cultural.
En todo caso, a Asociación de Amigos do Románico considera que con esta iniciativa se recupera -dentro do posible- un elemento moi significativo do patrimonio artístico medieval da comarca. A imaxe orixinal -unha das escasas mostras da escultura románica en Galicia- perdeuse nun incendio que destruíu a capela de Soilán, onde estaba gardada nese momento. Aínda que algúns consideran que a escultura se queimou, como outras imaxes que había na capela, outros opinan que o incendio foi provocado coa intención de roubar a valiosa obra. A este respecto, sinalan que entre as cinzas non se encontrou un cravo de ferro que tiña a imaxe na cabeza e cuxa función era soster unha coroa. Outros cravos similiares que tiñan as demais imaxes gardadas na capela, en cambio, si apareceron.