A Fernando Varela non lle parece que en Chantada pase nada especial que convirta este concello en terreo propicio para as candidaturas independentes. «Simples coincidencias», di.
-En 1991, o centro dereita dividido sumou máis votos que catro anos antes unido. ¿Pode volver pasar?
-É moi difícil de calibrar. Unha lista independente é un bon instrumento para a seducción de certo electorado. A retórica localista vende nun primeiro momento, pero non se dá sostido. E creo que a xente de Chantada neste momento sábeo. As experiencias locais teñén éxito parcial se conseguen o poder, pero se non, son fugaces. Iso foi o que lle pasou a Chantada Nova.
-¿Ve semellanzas entre a situación do PP hoxe e a de principios dos noventa?
-Agora hai unha nova cultura dominante no PP, e maniféstase dunha maneira moi vehemente na nova maioría do partido en Chantada. Vese unha especie de falta de escrúpulos á hora de ascender aos postos dirixentes locais. Evitáronse certas tradicións ou actitudes máis contemplativas e aquel que se durmiu, Manuel Varela e compañía, foi derrotado sen compaixón, por así dicilo. Pero daquela nin agora me é fácil establecer unha razón profunda que o explique o por que desta situación.