Chantada celebrou a segunda edición da súa festa sidreira. Catorce lagares de Asturias, Cantabria e o País Vasco, trouxeron cada un entre 150 e 200 botellas
20 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.«Non se trata de vender, é máis ben un intercambio cultural». Quen o di chámase Haritz Esnal. El e a súa compañeira Lur Etxeberria atendían onte o posto dunha das sidrerías guipuscoanas presentes na Feira da Sidra de Chantada, que chega á súa segunda edición co obxectivo de consolidarse. Na feira estiveron este ano catorce siderías asturianas, cántabras e vascas, ademais da propia Sidrería Galega de Chantada, colaboradora co Concello na organización do certame. Os lagares de fóra viñeron a Chantada con entre 150 e 200 botellas cada un. Coa compra do vaso da feira por catro euros era posible beber en todas as casetas.
As quince sidrerías foron abrindo ao longo da mañá no recinto habilitado na Lama das Quendas, aínda que a inauguración oficial non chegou ata a unha. A comitiva oficial, na que estaban o alcalde, Manuel Anxo Taboada, outros representantes municipais como o tenente de alcalde, Alfonso Piñeiro, ou a concelleira Susana López, e o responsable de Sidrería Galega, Luis López Espiñeira. Despois do percorrido de rigor por todas as casetas, Espiñeira confirmaba que a participación neste tipo de certames non ten unha finalidade comercial. «Estas sidrerías veñen a Chantada e despois nós imos ás feiras que se celebran en Asturias, Cantabria ou o País Vasco; trátase dun irmanamento ao redor da cultura da sidra», afirma.
Unha cultura evidentemente moi ligada á festa, pero tamén ao desenrolo económico. Como na localidade cántabra de Escalante, un concello de menos de 800 habitantes que nos próximos tres anos plantará seis mil mazairas (xa teñen tres mil). Desde o posto do Lagar Municipal de Escalante na feira de Chantada, o alcalde, Pedro Jado, conta que o seu obxectivo é recuperar terreo ermo e obter a produción necesaria para poñer en marcha unha cooperativa que reparta entre os veciños os beneficios da sidra. «Levamos tempo xuntando as ferramentas precisas, e o ano que vén agardamos poder empezar a vender».
A afluencia de público, tímida pola mañá, aumentou a medida que avanzaba a tarde, despois da reapertura das casetas ás sete, e a pesar de que en Chantada case non deixou de chover en todo o día. Igual que na súa primeira edición, a feira tiña despedíuse con festa. Ás dez da noite ía empezar un concerto cos Ultracáns e Os Cuchufellos.