A TRIBUNA | O |
16 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.SEÑORES XUÍCES, vostedes non teñen obriga de coñecer pobo a pobo como se gañan as eleccións «daquela maneira»: con postes, tubos, formigoneos... co cemento. Pero, coidadiño, o diñeiro co que se paga ese cemento é noso e haberá que usalo tendo unha cobertura cando menos ética. ¡E legal! Supoñan que vai o alcalde e pon moqueta no chan dos que venden roupa, madeira de castiñeiro nas zapaterías, plaqueta nas pescaderías, pinta os bares, regala un soprete a cada fontaneiro, unha mesa de despacho a cada avogado, un frigorífico ás carnicerías... Pois iso vén sendo o que se fixo nalgunhas casas das aldeas de Chantada. So que usando o querido cemento. ¡Como quedaría o noso país se os alcaldes non puidesen usar os fondos públicos con fins privados! E ollo, se falo de fins privados digo que esa é unha maneira de facerse cun soldo a fin de mes tan legal como calquera. Ademais, algún labrego que gaña máis de un millón de pesetas ao mes vendendo leite non debería precisar dos cartos dos veciños para que a súa eira, privada, se cubra de cemento. Neste país precisamos urxentemente de individuos que impartan xustiza co coñecemento da realidade mais nidia. Se o señor fiscal non sabe argumentar, poñan outro. Se vostedes, señores xuíces, consideran pecata minuta o que se fixo en Chantada, deixen o seu posto para outros cidadáns con máis sentido do civismo. Calquera alcalde vai poder facer impunemente o que todos consideramos un atropelo á dignidade, un insulto á intelixencia. Teremos que, como di Rosalía, agardar que as correntes apestadas pasen e ¡¡que as que veñan non tarden!! Cando eu lles dicía aos amigos e veciños que as fechorías do Manolo de Centulle estaban no xulgado, eles respostaban: «¡Boeno, tataratá...! ¡Xa verás como queda todo en nada!». Agora, señores do tribunal superior da xustisia gallega , os meus veciños rinse. ¿A que non saben de que?