Xosé Lois García: «Auga correndo por unha canle non é un regadío, un regadío é outra cousa»
BÓVEDA
O presidente da nova asociación chama aos propietarios a participar na asemblea que teñen convocada para hoxe en Monforte
27 mar 2026 . Actualizado a las 05:05 h.Xosé Lois García Saco ten unha explotación gandeira en Bóveda e é o presidente da recén creada Asociación de Propietarios no Regadío Val de Lemos, que hoxe celebra en Monforte unha asemblea aberta a todos os donos de terreos situados no ámbito do regadío que queiran participar (Casa da Cultura, 20:30 horas). Este novo colectivo nace para esixir ás administración públicas que antes de pretender cobrar polo uso do regadío poñan en condicións tanto as canles como o territorio susceptibles de ser regado.
—Esta asociación nace da plataforma creada no 2025. Por que pasar de plataforma a asociación?
—Para darlle un carácter máis formal, de cara a necesidades futuras de manter relación con terceiros, contratar avogados, presentar recursos... En resume, para ter instrumentos cos que defender os intereses dos asociados no caso de que se fagan efectivas as taxas que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pretende cobrar individualmente a cada propietario.
—Non está xa a comunidade de regantes para representalos?
—Efectivamente, pero cando nos constituímos como plataforma pensamos que os nosos intereses non estaban aí todo o ben representados que debían. Entre outras cousas, porque nin a comunidade de regantes nin a confederación hidrográfica presentaron aínda un censo claro de usuarios do regadío.
—Non hai un censo?
—Non o hai. E debería habelo para que estivese todo claro e poder votar decisións en asemblea.
—Quen ten que facer este censo?
—Suponse que é unha responsabilidade da comunidade de regantes, pero o feito é que esta comunidade ten as súas contas embargadas polo que nós chamamos a débeda histórica, que sae das taxas que a confederación hidrográfica xira todos os anos. E nesas condición a comunidade ten complicado facerse cos medios para realizar este traballo. A confederación hidrográfica encargou hai catro ou cinco anos un estudio á Universidade de Santiago para buscar solución. Suponse que ese estudo está feito, pero realmente os regantes non coñecemos en detalle o seu contido. O lóxico sería que ese estudo fose entregado á comunidade de regantes, e que a comunidade o presentase á súa vez aos comuneiros para que estes poidan decidir o camiño a seguir.
—Pero a confederación hidrográfica organizou o ano pasado unha presentación dese estudo xunto coa comunidade de regantes.
—Esa presentación estaba enfocada a convencer a todo o mundo de que as cotas que pretenden aplicar son apropiadas.
—E vostedes non están de acordo.
—Non nos opoñemos a que se cobre pola prestación dun servizo, pero é que o servizo non existe. No caso do regadío pretenden cobrar por un servizo que non existe. Nos tempos actuais, auga correndo por unha canle non é un regadío, un regadío é outra cousa.
—Por que deberían asistir os regantes á asamblea deste venres?
—Temos formada a asociación, cun pequeno grupo de socios e unha acta fundacional, A asemblea deste venres é a da ampliación dese grupo inicial e é unha convocatoria aberta. Queremos ser cantos máis mellor e que a xente que estaba na plataforma se vaia sumando á asociación. E nesta asemblea imos presentar as accións que pretendemos levar a cabo.
—E cales son esas accións?
—Cando cheguen as taxas temos que estar asesorados para facer os recursos necesarios e tumbalas. Son inxustas, non temos concentración parcelaria e as canles e acequias son un desastre. É moi complicado regar a maior parte das parcelas. E por outra banda estes meses imos tratar de volvernos dirixir ás administracións involucradas na posible solución, como xa fixemos como plataforma. Consideramos que as administración involucradas son en primeiro lugar a Consellería de Medio Rural e os concellos da zona no que respecta á concentración parcelaria. E a partir de aí que a confederación hidrográfica faga a mellora do regadío. E que o faga sun xeito consensuado sempre cos propietarios. Porque se non nos teñen en conta o que temos é unha epxpropiación gratis do territorio.
—Que esperan que suceda este ano coas taxas?
—Que o cobro comece a chegar a cada un dos propietarios de maneira individual, e non a través da comunidade de regantes, como ocorría ata agora. Porque iso é o que nos dixeron o ano pasado os responsables da confederación hidrográfica. Daquela admitiron aplicar unha moratoria dun ano e pico. E porque iso é tamén o que nos transmitiu a xunta rectora da comunidade de regantes. Entendemos que quen vai xirar as taxas a cada particular é a confederación hidrográfica e que despois xa hai quen non paga entón a súa débeda pasaría a Hacienda.