El presidente del Lemos asegura que convocará a los socios una vez esté organizada la cena anual del club, que será en el mes de febrero
30 dic 2025 . Actualizado a las 16:43 h.O presidente do Lemos tivo claro que se apostaba por formar unha candidatura faríao coa condición de apostar por un proxecto ambicioso. López, un lemista de berce, tivo claro que o club tiña que abandonar esa clasificación en terreo de ninguén das últimas campañas. A aposta foi grande, pero para López mereceu a pena.
—Mereceu a pena embarcarse nesta aventura?
—Si que mereceu. É unha satisfacción ver como a afección volve estar ilusionada. Ver o campo da Pinguela con tanta xente os domingos anima a traballar.
—O orzamento está nos 150.000 euros. Teñen xa a tempada cuberta no eido económico?
—Si o orzamento sitúase nesa cifra aproximadamente. Non, no temos cuberta a tempada. Aínda falta algo, pero estamos convencidos que a cubriremos. De feito, estamos traballando en diferentes fórmulas e barallamos opcións de varios patrocinios. Existes contactos.
—A mediados deste mes, Rodri falou de 440 socios. Está satisfeito con esta cifra?
—Sempre aspiramos a máis. Coido que poderemos chegar aos 500, e incluso superalos. Traballamos agora en bonos de dez partidos por un custe de 50 euros, e iso tamén suma. De feito, teño que dicir que incluso hai socios que aínda non abonaran o recibo da tempada e agora están vindo. Está claro que a marcha do equipo estimula á afección. Xa podo dicir que en breve arrancará unha campaña de captación de socios de cara a esta segunda volta.
—Aínda non fixeron ningunha asemblea. Para cando contemplan esa reunión?
—Imos por orde. No que estamos centrados agora mesmo é na organización da cea anual do club, que nesta ocasión pretendemos facer a mediados ou finais do mes de febreiro. E despois queremos acurtar prazos, polo que prevemos celebrar a asemblea de socios anual en marzo ou en abril. Aí detallaremos todos os conceptos. Se non se fixo antes é porque se nos xunta todo, e somos poucos na directiva actualmente.
—Sorprende esta cuestión da limitación de efectivos na xunta, porque cando asumiu a presidencia había esperanza de que máis directivos se uniran ao proxecto. Non se pode esquecer que na asemblea na que se elixiu a directiva había moitos voluntarios.
—Agora mesmo traballamos un total de catro directivos, unha cifra cativa para levar un club da envergadura do Lemos. Necesitamos socios que estean interesados en axudar ao club. De verdade, anímoos a que veñan e se incorporen á directiva. Necesitamos máis efectivos para levar a cabo este proxecto adiante, porque do contrario, isto faise bastante complicado.