Antonio López, presidente do Club Lemos: «Este proxecto xera ilusión»

LUIS CONDE MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

LUIS CONDE

O máximo mandatario da entidade monfortina di que o obxectivo é «xogar a promoción de ascenso»

12 jul 2025 . Actualizado a las 16:01 h.

A pretempada está á volta da esquina —comezará o vindeiro día 29— e o Club Lemos perfila os últimos detalles do proxecto 2025-2026. Lidérao dende a presidencia Antonio López, que fai unha aposta seria e decidida para que o equipo compita por ascender á Terceira Federación. O máximo mandatario, que leva dende febreiro no cargo, quere que o Lemos volva ser protagonista no fútbol galego.

—Antes de analizar o presente e o futuro, como valora estes seis meses como presidente?

—Moi positivos. É verdade que o pasamos mal, porque custou acadar a permanencia, pero sacamos o equipo adiante. E agora si podemos dicir que comeza un proxecto que é noso, novo e diferente o que había.

—Vostede dixo que ían dar un paso adiante, e vaia so están dando.

—Se queremos que o afeccionado de Monforte volva ter ilusión polo Lemos hai que dar un paso adiante. O equipo non pode permitirse loitar tantos anos pola permanencia, nin sufrir tanto. Facemos unha aposta seria e ambiciosa, e iso está xerando ilusión. Pola rúa párannos os afeccionados para felicitarnos e para facerse socios.

—Pensaban facer esta revolución que fixeron na plantilla?

—É verdade que hai moitos cambios, pero respectamos a base de futbolistas do pobo, que son o reclamo para que a afección acuda ao campo da Pinguela. E fomos o mercado por futbolistas que nos darán un plus e que marcarán a diferenza.

—A dirección deportiva moveuse rápido neste mercado de fichaxes, non si?

—E que se non te moves rápido quédaste sen futbolistas. E si, dende que rematou a liga non paramos. Quero destacar e poñer en valor o enorme traballo que leva facendo nestas semanas Óscar Moure.

—Cal é o obxectivo do Lemos?

—O principal obxectivo do Lemos é quedar entre os cinco primeiros clasificados e disputar a promoción de ascenso á Terceira Federación. E se vén algo máis, fantástico. A confección do equipo vai enfocada a este obxectivo.

—E se non acaban entre os cinco primeiros clasificados ao final da liga, que pasaría?

—Sería un fracaso. Cos xogadores que temos, o equipo ten que acabar a liga entre os cinco primeiros.

—Este proxecto necesita un desembolso importante, non si?

—O orzamento do Lemos para esta tempada estará en torno aos 125.000 euros, dos que 85.000 euros van destinados ao ámbito deportivo.

—O nivel de esixencia para a directiva tamén é grande.

—Está claro que si. Temos que traballar moito para xerar recursos que cubran o orzamento, pero estas cantidades son totalmente asumibles.

—Cantos socios prevén?

—Nos queremos chegar aos seiscentos. E despois teño que dicir que os ingresos en publicidade incrementaranse nuns 5.000 euros.

—E como é a resposta das institucións?

—O Concello está dando un gran respaldo. E aquí refírome a instalacións e ao aspecto económico. Xa lle pedimos tamén que valore a opción de construír unha grada no outro lado do campo da Pinguela.

—De que maneira seducen aos futbolistas para fichar?

—Ofrecémoslles un proxecto ambicioso e interesante. Cando lle falas de ascenso xa tes moito avanzado. Teño que dicir que dos futbolistas que pretendíamos non fallou practicamente ningún.

—Queda algunha fichaxe máis?

—Falta un porteiro, e a partir de aí poderemos dicir que a plantilla estará pechada. Iso si, se aparece algún merlo branco poderiamos facer un esforzo.

—Terán protagonismo os futbolistas do Lemos B?

—Por suposto, e tamén os do Calasancio. Agora apostamos por un Lemos B competitivo, no que calquera xogador se foguee e poda dar o salto ao primeiro equipo en calquera momento. Os futbolistas do Lemos B e os do Calasancio serán o futuro do primeiro equipo. E, de feito, traballamos para iso. A razón do segundo equipo é esa, preparar futbolistas para arriba.

Traxectoria lemista. Seis directivos. Amigables.

Traxectoria lemista. López non é un recen chegado á órbita do Lemos. Foi xogador na década dos oitenta, delegado e directivo. E agora é presidente. Un mandatario con ilusión e ambición.

Seis directivos. Ademais de Antonio, na directiva están César, Rodri, Jesús, Santi Goyanes, Diego Tomé e Miguel. Iso si, o presidente pide aos socios que lles axuden, sobre todo nos días de partido no campo.

Amigables. O trofeo das festas vaino xogar o Lemos contra O Barco. O 6 de agosto recibirá ao Antela; o 9 irá aos Medos; o 20 recibe ao Cented e o 31 xogará contra o Racing en Vilalba.